3 de nov. de 2025

A GUARDA

O Camiño da Costa o que máis aloxamentos ofrece


Albergue municipal de peregrinos de A Guarda
Foto: Antón Ferreira Lorenzo

Antón Ferreira Lorenzo / A Guarda

 Segundo o último Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia, publicado en outubro, o Camiño Portugués da Costa é o que máis prazas de aloxamento ofrece de todos os camiños que cruzan Galicia. Concretamente, os datos de outubre de 2025, informan que este Camiño dispón de 3.281 aloxamentos (o 32,2% dos camiños de Galicia) con 30.353 prazas (o 27% do total de prazas dos Camiños de Santiago nesta comunidade autónoma). Inclúense nestes números hoteis, hostais, casas de turismo, apartamentos, glampings, e albergues públicos e privados.


 Pero aínda podemos afinar un pouco máis. Porque o Camiño Portugués da Costa é o que ten máis concellos cun maior número de prazas por km2: Baiona, 167 prazas/km2; Vigo, 162; A Guarda, 159, e Nigrán 142.


 O incremento de aloxamentos fíxose especialmente notar co aumento de peregrinos que elixen este itinerario xacobeo, que é o que máis crece desde a súa oficialización, en 2016, aínda que os seus inicios na época actual, son anteriores a dito ano situándose no ano 2009, logo do traballo de campo realizado pola Asociación Amigos de los Pazos, que concluíu coa publicación (en 2002) dun volumen co mesmo título desta ruta, e a iniciativa do Goberno da Guarda para promocionar este itinario mediante o percorrido realizado in situ; a sinalización pola Guarda no ano 2010, que foi un estímulo que animou aos demais concellos a marcar o Camiño nos seus respectivos términos, xunto coa convocatoria dunha peregrinación “promocional” por etapas, que levou a preto de 200 persoas a facer o Camiño, entre outras iniciativas.


 Hoxe, o Camiño Portugués da Costa supón o terceiro itinerario de peregrinación á tumba do Apóstolo, reducindo distancias no número de peregrinos, no conxunto do ano, co Camiño Interior, pero con cifras, nos últimos meses, moi similares entre os dous camiños que van polo Baixo Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario