23 de out. de 2022

O ROSAL

O Rosal instalará dous puntos de recarga para vehículos eléctricos  

Permitirá a carga simultánea de catro coches na vía pública. Poderán usalos residentes, turistas e veciñanza dos concellos da contorna 


O Goberno municipal vén de adxudicar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos de uso público
Foto: Arq.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal segue a impulsar medidas encamiñadas a crear un rural consciente, sustentable, eficiente e avanzado. Neste camiño, o Goberno municipal vén de adxudicar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos de uso público, un proxecto pioneiro en toda a comarca que permitirá a residentes, turistas ou veciños e veciñas dos concellos da contorna cargar os seus coches dun xeito sinxelo e cómodo.

 Coa posta en marcha desta iniciativa o Concello rosaleiro busca “fomentar a mobilidade eléctrica para reducir as emisións de carbono a atmosfera investindo en infraestruturas verdes seguindo a liña de proxectos estatais e europeos”. “Con estes dous puntos de recarga, os primeiros que existirán no Rosal e na nosa mancomunidade, introducimos respostas innovadoras en áreas que ata o de agora non exploraramos e crearemos dúas estacións de recarga de acceso e uso público que darán servizo a particulares e profesionais na vía pública e que servirán de exemplo para todos aqueles condutores e condutoras que aínda non utilizan vehículos eléctricos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Esta proposta para impulsar o uso dos coches eléctricos, que poderán cargar catro vehículos á vez, únese a todas as medidas postas en marcha para diminuír a emisión de gases contaminantes procedentes dos tráfico rodado como o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) ou a transformación da Praza do Calvario coa reorganización do tráfico da contorna.

 “Queremos ser un exemplo de municipio sostible e, para iso, é fundamental que vaiamos avanzando cara a un modelo de mobilidade centrado na mobilidade activa, como peóns, en bicicleta ou empregando vehículos de baixas emisións”, destaca a rexedora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario