5 de out. de 2022

O ROSAL

EXPOSICIÓN 

Pinturas, de Esther Moe e Arquitectura en polispan, de Ramón González González

Do 7 ao 31 de outubro, na Avda. Ramón Franco, 13, en horario de 19:00 a 22:00 h.




Ricardo Rodríguez Vicente / O Rosal

 Das mans de Esther Moe, por unha banda, e de Ramón González González, por outra, desde este venres día 7 ata o día 31 de outubro, a veciñanza do Rosal e da súa contorna, imos ter oportunidade de visitar a exposición que nun local da Avenida Ramón Franco, nº 13, presentan ambos os dous artistas.

 Esther Moe é pintora, avalada coa formación académica de Bacharelato de Artes Plásticas e licenciatura en Restauración e Conservación de Bens Culturais.

 Ramón González González é modelista. Autodidacta. O seu labor extraprofesional está vencellado a arquitectura (civil, relixiosa, tradicional,...), empregando como material principal o poliuretano expandido. Conta cun amplo currículo de exposicións.

 Esther Moe, inglesa, natural de Winchester, e residente en Fornelos (O Rosal); e Ramón González, de Salcidos (A Guarda), compartirán espazo para amosarnos ás súas respectivas obras.

 Esther vai presentar 15 cadros, pertencentes á colección Ars Gratia Maris (que en galego vén sendo a Arte da Gracia do Mar). 

 Reinterpretando aos grandes mestres - Da Vinci, Picasso, Dalí,... -, Esther Moe ofrece unha particular homenaxe ao mundo submarino, focalizando súa atención nas criaturas do mar e a sustentabilidade dos oceános. 

 Para realizar súas creacións adoita empregar diferentes técnicas plásticas: acrílico, colaxe,   gouache,  óleo,...

 As súas obras amosan uns persoaxes que son froito dunha mestura dos vocábulos gregos ictio anthropos, da que xurden criaturas híbridas home ou muller/peixe, logrando unhas atractivas propostas de expresión artística.

 Ramón González presenta varias obras realizadas en poliuretano. O seu é a Arquitectura en polispan. A unha escala accesible, recreando construcccións da nosa contorna. Faino con todo detalle e cun gusto exquisito, tanto no que respecta as medidas como na execución e nos acabados. Os resultados son gratamente sorprendentes pola fineza do seu labor. É, sen dúbida, un artista.

 Por todo o esforzo creativo envorcado no que veñen traballando, e que van expoñer, Esther Moe e Ramón González ben merecen que fagamos un oco nas nosas axendas e visitemos a exposición que presentan no Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario