Outono farturento de cultura no Rosal
O Concello pon en marcha para os meses de outubro e novembro unha programación na que música, patrimonio, medioambiente, literatura e actividades infantís serán os grandes protagonistas
Infogauda / O Rosal
O outono
chega ao Rosal farturento de cultura. O Concello xa puxo en marcha para os meses
de outubro e novembro unha ampla programación na que as actividades infantís e
a música compartirán escenario coa literatura, as charlas medioambientais, o
teatro ou o patrimonio histórico e cultural. “Despois duns intensos días nos
que volvemos desfrutar da nos Feira do Viño do Rosal e da nosa Festa do Outono
do Pilar con total normalidade e nun espazo único, continuamos traballando para
que a veciñanza goce nos dous vindeiros meses dunha morea de actividades para
todos os públicos e para todos os gustos”, explica a alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís.
A
programación de outono non dará tregua e traerá ao Rosal cada semana diferentes
actuacións e actividades para diferentes públicos. Así, a axenda de outono
continúa este 15
de outubro cunha tarde de lecer
para toda a familia con Cristina Collazo e a famosa bandoleira Pepa a Loba, un contacontos interactivo
onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a
perspectiva de xénero.
A
partir das 12.00 horas no auditorio municipal, o público poderá desfrutar desta
aventura na que a protagonista chega ata un refuxio onde poder acubillarse: a
taberna da que tanto lle falara a súa nai. Decide poñela de novo en
funcionamento coa axuda da súa inseparable gavela, ata que alguén lle fala dun
cobizado tesouro que mergullará a Pepa a Loba e a todo o público nunha aventura
cargada de música, monicreques e intrigantes historia. A entrada será de balde
e libre ata completar aforo.
A
vindeira semana haberá sesión tripla. O xoves 20 de outubro Marta Arribas chegará ao Centro Social
Polivalente a partir das 17.00 h coa súa charla ‘A auga, un recurso imprescindible’. Ao día seguinte, 21 de outubro, ese mesmo escenario acollerá
á doutora Olalla
Otero (20.00 h) na presentación do seu libro ‘El
revolucionario mundo de los probióticos’. O sábado 22
volverá a ser a quenda dos máis pequenos e pequenas da casa, que poderán
desfrutar dos ‘Contos
para caghar patatillas’ de Brais Hortas a partir das 12.00 horas no auditorio municipal.
Outubro
pecharase o domingo
30 co Concerto de Outono e 18 aniversario da coral da Agrupación Musical do
Rosal. Será unha actuación de balde
aberta a todos os públicos a partir das 17.30 horas no auditorio municipal.
En
novembro volverán as charlas, a literatura, as risas e a música. O venres 4 a biblioteca municipal
acollerá ás 19.00 horas a presentación do libro ‘EMOVERE’, con poemas de Andrea
Suárez e César Fernández e
coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal. Ao día seguinte, 5 de novembro, Fulano, Citano
e Mengano chegan ao auditorio
municipal ás 21.00 horas para entreter e facer rir ao público coas súas
historias case incribles.
O xoves 10 de novembro o técnico de medio ambiente
Óscar Martínez impartirá no Centro Social Polivalente a partir das 20.00 horas
unha charla
sobre ‘O cambio climático chama á túa porta. Falemos de reciclaxe’. O sábado 19 de novembro chega o tradicional Concerto de Santa Icía, organizado pola Agrupación
Musical do Rosal no auditorio municipal ás 19.30 horas.
A
programación de outono complétase ademais botando unha ollada ao pasado coas II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades
para todos os públicos nas que se porá en valor o patrimonio material e
inmaterial rosaleiro. Tras as dúas primeiras sesións durante as Festas do
Outono do Pilar, a vindeira cita será o 5 de novembro cunha charla do
arqueólogo Benito Vilas sobre as novas intervencións no castro do Pico da
Bandeira ás 11.00 h no Centro Social Polivalente para ás 12.00 h facer unha
visita ao propio castro. O 12 de novembro o xeólogo Óscar Pazos transportará ao
público á historia da mina galaico romana de ouro das Bornas, en Tabagón, nunha
actividade que comezará cunha charla ás 11.00 horas no Centro Social
Polivalente e rematará ás 12.00 h cunha visita á propia mina.

Ningún comentario:
Publicar un comentario