Sofía Areal, antiga presidenta de Voces Novas, participa na Conferencia Anual da Asociación Europea de Rexións Fronteirizas
A primeira presidenta do Consello da Infancia e a Mocidade de Tomiño repasou a traxectoria deste órgano na súa intervención en Serbia
Infogauda / Tomiño
No marco
da Conferencia Anual da Asociación Europea de Rexións Fronteirizas ARFE/AEBR
2022 que tivo lugar en Novi Sad na provincia autónoma de Vojvodina (República
de Serbia), a antiga presidenta de Voces Novas, o Consello da Infancia e a
Mocidade de Tomiño, Sofía Areal, participou onte no panel: The Youth Manifesto (en galego, O Manifesto da Mocidade):
Como facer máis accesibles á participación da mocidade as políticas de
cooperación transfronteiriza.
Na súa
intervención, Sofía Areal repasou a traxectoria de Voces Novas:
“A
participación da mocidade é algo real e palpable cando se nos dan verdadeiros
espazos de escoita e participación activa, onde nós mesmas sexamos as
protagonistas.
Xurdimos
no ano 2017 e a día de hoxe somos un órgano máis do funcionamento do Concello,
participando de xeito activo na vida municipal, con máis de 15 membros dende os
8 ata os 17 anos. Nós xurdimos coa intención de establecer unha canle
permanente de participación, sobre todo naqueles ámbitos que nos afectan de
xeito directo.
A
traxectoria que fomos construíndo permitiunos participar en cantidade de
accións: no deseño de novos espazos urbáns para as persoas a través de procesos
de humanización e peonalización; nas campañas anuais do día contra a violencia
de xénero; en proxectos que nós mesmos imaxinamos e materializamos como o Nadal
solidario, co intercambio de postais cos maiores das nosas residencias; como
xurado no Certame transfronteirizo de Pintura ao aire libre Antonio Fernández;
e mesmo temos consolidado a celebración anual dun pleno infantil.
Unicef
España, galardoounos no ano 2018 co “Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da
Infancia”, sendo un concello pioneiro en Galicia. Esta distinción esixe un
traballo continuo e permanente a prol do benestar da infancia e adolescencia xa
que ten unha vixencia de catro anos. Estamos xustamente agora comprometidos coa
renovación deste recoñecemento.
Por outra
banda, na Eurocidade Cerveira-Tomiño realizamos numerosos intercambios
escolares, con máis de 1500 participantes de todos os niveis educativos nas
actividades do Orzamento Participativo Transfronteirizo, e compartimos algúns
dos nosos servizos máis demandados como son a Piscina Municipal (de Cerveira)
ou a Escola Municipal de Música (de Tomiño), que participou nun proxecto
Erasmus con escolas de Portugal e Italia, promovendo a formación de valores e o
intercambio sociocultural na mocidade a través da música”.
Finalmente,
a que fóra primeira presidente de Voces Novas destacou os traballos en curso
para a elaboración dunha Axenda para a Xuventude entorno os Obxectivos de
Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas coa celebración de mesas de debate
coa rapazada de entre 12 e 25 anos, de ambos os lados da raia.
A AEBR é unha das principais referencias europeas para o estudo e mellora da cooperación transfronteiriza e xa se interesou polas experiencias de participación pública da Eurocidade Cerveira-Tomiño o pasado mes de Maio, cando a intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no Borders Forum celebrado en París. A AEBR é tamén responsable do programa B-solutions da Comisión Europea que emitíu un informe sobre os obstáculos á mobilidade transfronteiriza de menores en intercambios culturais e educativos, a raíz das recomendacións das Valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño sobre este asunto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario