28 de set. de 2022

A GUARDA

O BNG LEVA A PLENO A AMEAZA DA  UNIÓN EUROPEA DE PECHAR 87 ZONAS DE PESCA NO ATLÁNTICO NORORIENTAL  

Anxo Lois Baz (portavoz do Grupo Munipal do BNG, no concello de A Guarda): “Este regulamento,  é un novo golpe ao  que hai que engadir  o anuncio das restricións na comercialización da quenlla” 


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda
 


Infogauda / A Guarda

 A Comisión Europea vén de impoñer un novo regulamento que se traduce no feche para a pesca nun total de 87 zonas do Atlántico nororiental. Unha medida que entrará en vigor en poucos días e que suporá a expulsión da frota galega de fondo, podendo reducir até nun 75% as súas capturas.  

 Segundo Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda “este regulamento, imposto desde a Comisión Europea (CE) sen un contraste e interlocución efectiva co propio sector, é un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ou os anuncio das restricións na comercialización da quenlla,  que vai limitar e dificultar a faena da frota galega”.  

 Estamos - engade Anxo Lois Baz - diante dun acordo da CE que non contou co apoio unánime do Consello nin coa aprobación do Parlamento europeo, que se tomou baseándose  nuns informes científicos e técnicos insuficientes, por parciais e desactualizados, sen diálogo e busca de alternativas co sector, sen unha avaliación socioeconómica sobre o seu impacto e cunhas consecuencias que poden ser estarrecedoras, e que non pode ser aceptado baixo ningún concepto tendo en conta que Galiza  somos unha das primeiras potencias pesqueiras de Europa. As consecuencias desta decisión, suporán tamén agudizar a cada vez maior dependencia da importación de peixe e un previsíbel aumento dos prezos dificultando o acceso ao peixe aos segmentos sociais de menores ingresos.  

 A efectivización deste regulamento arbitrario e inxusto suporá un golpe en toda a regra á nosa frota, afectando a varios centos de barcos galegos e ameazando millares de postos de traballo.  

 En definitiva, o impacto do novo regulamento imposto pola Comisión Europea supón unha ameaza de primeiro nivel que pode facer desaparecer este sector estratéxico tal e como o coñecemos, como advertiron xa publicamente tanto dende o propio sector como dende organizacións sindicais como a CIG.”  

  No apartado resolutivo da moción presentada polo BNG esixe “a Xunta de Galiza que convoque con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país e insta ao goberno español a despregar todas as accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea.”     

Ningún comentario:

Publicar un comentario