Logo da súa interrupción pola pandemia
A Guarda recupera a romaría de Santa Trega
• Este venres día 23 de setembro, festivo local na vila guardesa
Infogauda / A Guarda
A veciñanza do concello de A Guarda e da súa contorna, prepárase para celebrar este venres día 23 de setembro (festivo local) a romaría de santa Trega, unha conmemoración que se recupera este ano despois da pandemia da Covid-19.
A celebración, que ten un carácter relixioso e tamén festivo, congregará no monte Santa Trega a centenares de devotos da mártir natural de Iconio, na rexión de Anatolia (Turquía) e discípula de san Pablo. Santa Trega é avogada das doenzas da cabeza e do corazón, así como do cancro óseo.
Dende primeira hora da mañá a ermida de santa Trega acollerá a celebración de misas ás 8:00, 9:00 e ás 11:30h, a solemne, con ofrenda, sermón e procesión.
Este ano, se non hai causa de forza maior, contaremos coa asistencia dunha representación da cidadanía de Póvoa de Varzim, que virá tanto por terra como por mar - neste caso a bordo da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" - para asistir aos actos da festividade de santa Trega, e ao día seguinte, sábado 24 de setembro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello de A Guarda, aos que terán lugar con motivo da Declaración do irmanamento entre A Guarda e Póvoa de Varzim.
Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais "poxas dos froitos" - do agro e do mar -, cunha monumental torta - chamada regueifa -, formada por roscas de diferentes diámtros, e colocados de maior - na parte inferior da regueifa - a menor, formando varios andares. A regueifa, ademais da tradición que ten de por sí, gañada ao longo de moitos anos, sempre agocha no seu interior algún importante premio para a persoa agraciada que posúa o boleto premiado no sorteo que pon broche de ouro as poxas, verdadeiro vestixio medieval.
Momentos despois das poxas, vén o tradicional xantar enxebre, onde as familias e grupos de amigos, xúntanse para comer, e logo da sobremesa, cantar e bailar ata a tardiña, o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboríis.
"Dende o Concello de A Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando o maltrato dos bens, ou acceder a zonas patrimoniais coma a citania do monte Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que causen danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único", indicaron fontes municipais.
"A maioría da poboación é consciente - afirman fontes municipais - que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e tamén que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado Municipal monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións."
Ningún comentario:
Publicar un comentario