31 de ago. de 2022

OIA

Os socialistas de Oia fanse eco das demandas da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) ante a pasividade da alcaldesa 

A alcaldesa de Oia amosou un total desinterese por protexer unha especie ameazada e que na comarca do Baixo Miño só se atopa en Oia 


Persoal da Xefatura Provincial de Costas de Pontevedra e membros de ANABAM , na praia da Area das Vesadas (Mougás), onde atópase a única poboación presente da especie Honckenya Peploides en toda a comarca do Baixo Miño

Fotos: ANABAM*



Infogauda / Oia

 Os socialistas de Oia veñen de pór en coñecemento público as demandas da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), que "ante a pasividade e inacción da alcaldesa de Oia, vénse obrigados a empregar as redes sociais para facer visible a falla de compromiso de Cristina Correa co Medio Ambiente."

 "Tal e como manifestan dende a asociación para a protección e defensa do patrimonio natural do Baixo Miño galego-portugués, xa non é a primeira vez que poñen en coñecemento da alcaldesa de Oia as demandas para a protección de diversas especies arbóreas e animais, sen que, dende o consistorio local, se faga nada para defender o noso medio ambiente", lembran desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do concello de Oia. 

Sobre a Honckenya Peploides 

 Na praia da Area das Vesadas, en Mougás, atópase a única poboación presente da especie Honckenya Peploides en toda a comarca do Baixo Miño. "O colectivo ecoloxista xa comunicou a necesidade de dar protección a o espazo onde se atopa a mesma dende fai un ano, sen obter resposta algunha por parte do consistorio local. Afortunadamente este espazo e esta especie vén de protexerse recentemente a través da Xefatura Provincial de Costas, e non grazas ao traballo da rexedora local, quen amosou o seu total desinterese", afirman os socialistas de Oia.

 Os socialistas de Oia recordan a alcaldesa de Oia que "a defensa do Medio Ambiente tamén é unha obriga municipal, pode que non dea tanta “Felicidade” coma outras concellerías, pero é o noso deber protexelo e respectalo, para o noso desfrute e o das vindeiras xeracións."

* Publicadas por ANABAM en Facebook, e remesadas pola Agrupación do PSdeG-PSOE de Oia, á Redacción de Infogauda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario