O Rosal recupera a súa Memoria Histórica con dous actos esta fin de semana
O Rosal, xunto coa Comisión pola Memoria Histórica Baixo Miño – Condado – Louriña organiza unha homenaxe e unha exposición no concello rosaleiro os vindeiros 27 e 28 de agosto
Infogauda / O Rosal
A Comisión
pola Memoria Histórica Baixo Miño – Condado – Louriña, en colaboración co
Concello do Rosal organiza duas actividades esta fin de semana. O sábado 27 de
agosto, terá lugar en Portecelo, un acto de conmemoración no que se homenaxeará
a seis persoas asasinadas nese lugar no ano 1936 por defender a liberdade e a
democracia. A cita é ás 20.00 horas no Penedo, no Horizonte (Portecelo).
O
día seguinte, o domingo 28, a Sala de Exposicións do Concello acollerá a inauguración
dunha exposición sobre os traballos de exhumación que o Instituto de Estudos
Miñoranos levou a cabo en San Xián en 2009, e na que se atoparon cinco corpos.
Será ás 12 do mediodía.
Catro
dos cinco cadáveres achados foron identificados, corresponden ao nigranés
Joaquín de la Iglesia Portela, Manuel Prudencio do Rosario, Abilio Araújo
Barboza e Jesús ‘O Palero’, todos de Gondomar. Os cinco, xunto a Manuel Noia
Gil, ex-alcalde da Guarda que foi torturado e executado no mesmo lugar, serán os
homenaxeados na xornada do sábado na presenza das súas familias. Tamén está
previsto que asistan ao acto as e os alcaldes de Concellos do Baixo Miño, Val
Miñor e Paradanta.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala a importancia destes traballos de recuperación que permiten que moitas familias atopen aos seus devanceiros desaparecidos e poidan pechar o ciclo. “É imprescindible coñecer a nosa historia e saber quenes somos para vivir o presente e ter perspectiva de futuro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario