A alcaldesa de Tomiño reclama en París maior atención aos territorios transfronteirizos
A nacionalista participou no ‘Borders Forum’ xunto a representantes gubernamentais de primeiro nivel de diferentes países europeos
Sumouse ás voces que piden máis fondos e a eliminación de obstáculos legais para facilitar a vida da veciñanza das fronteiras interiores, un terzo da poboación da Unión Europea
Infogauda / Tomiño
A alcaldesa de Tomiño Sandra González defendeu onte en París a cooperación e a gobernanza transfronteirizas co máximo grao de participación pública. Fíxoo na segunda xornada do foro sobre fronteiras ‘Borders Forum’ organizado no marco da presidencia francesa do Consello da UE que está a reunir na capital parisina a representantes do máis alto nivel de entidades e administracións de rexións transfronteirizas da Unión.
A nacionalista participou nunha mesa redonda sobre o papel que debe xogar
a mocidade e a sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos
ao lado da presidenta da Comisión Nacional Francesa para o Debate Público
Chantal Jouanno, dunha representante da Secretaría comunitaria para a
Conferencia sobre o Futuro de Europa, Gaëtane Ricard-Nihoul, así como de varias
persoas representantes de voluntariado cidadá en Francia, Alemaña, Bélxica e
España.
Para a rexedora galega “a vida transfronteiriza é o mellor exemplo da
cidadanía europea e precisa dunha maior atención por parte da Comisión e os
estados da Unión”. Lembrou que o 30% das e dos habitantes da UE (150 millóns de
persoas) viven próximas ás súas fronteiras interiores, o que esixe que os
gobernos democráticos garantan os dereitos e faciliten a vida desa veciñanza
“removendo obstáculos legais e priorizando que os fondos dedicados á cooperación
cheguen directamente aos territorios e municipios das fronteiras”.
A alcaldesa de Tomiño referiuse á traxectoria de cooperación da
Eurocidade Cerveira-Tomiño e a algúns dos seus proxectos estratéxicos como o
Parque transfronteirizo da Amizade, subliñando a importancia estratéxica das
actividades de mobilidade e intercambio da mocidade. Lembrou, neste sentido, os
traballos de preparación da Axenda Urbana 2030 con participación de mocidade de
entre 12 e 25 anos, o importante papel de “Voces Novas”, o Consello da Infancia
e a Adolescencia de Tomiño, e os traballos da Oficina de Información Xuvenil (OMIX) como integrante da rede EURODESK.
No seu discurso xeral Sandra González coincidiu con moitas das
manifestacións expresadas polas diferentes entidades e as case 50 persoas
relatoras que tomaron parte nas sesións celebradas no ‘Borders Forum’ os días
21 e 22 de xuño na Cidade Internacional Universitaria de París, baixo a
organización da Mission Opérationnelle Transfrontalière, coa colaboración da
Comisión Europea, o Comité Europeo das Rexións e ESPON.
Subliñou que "as cuestións relacionadas coas fronteiras deben estar
no centro das axendas políticas europeas e dos distintos estados, especialmente
agora que se aplican os plans de recuperación e se inician os novos programas
Interreg ou a revisión do Código de Fronteiras de Schengen".
Fontes da DG Rexio da Comisión Europea estiman que a eliminación de 1/3
dos obstáculos que dificultan a vida transfronteiriza provocaría a suba dun 2%
do PIB nestes territorios e a creación de 1 millón de postos de traballo. Neste
sentido, a alcaldesa de Tomiño urxiu ou recoñecemento legal e normativo das
áreas funcionais que transcenden as antigas fronteiras interestatais na Unión
Europea. “Son territorios que xa existen, que son totalmente recoñecibles pola
xente e que posúen instrumentos de cogobernanza e servizos compartidos”,
afirmou.
Nas diferentes mesas de traballo do ‘Borders Forum’ abordouse o debate
sobre se os territorios transfronteirizos deben resignarse a unha situación na
que os países “se repregan sobre si mesmos e as fronteiras se reducen a meras
liñas divisorias ou hai capacidade colectiva de demostrar resiliencia e de
respectar as fronteiras como territorios compartidos que son fontes de
progreso”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario