23 de xuño de 2022

TOMIÑO

TOMIÑO, PROTAGONISTA DUN ‘OBRADOIRO’ DA FACULTADE ÁGORA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVERA PARA COÑECER DE MANEIRA PRÁCTICA COMO RECUPERAR ESPAZO PÚBLICO PARA AS PERSOAS   

Persoal técnico de diferentes concellos da provincia participará o vindeiro xoves 30 de xuño nunha visita ao municipio e analizarán as obras do Seixo, Figueiró e Goián  

A sesión de traballo contará coa presenza do arquitecto Mateus Porto  


O deputado de Mobilidade e Espazo Público e concelleiro en Tomiño, Uxío Benítez - no centro da imaxe - nunha xornada da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra

Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Tomiño

 O Concello da Tomiño será o vindeiro xoves 30 protagonista dun dos ‘Obradoiros Ágora’ que está a desenvolver a Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra para formar ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas. Representantes de diferentes municipios visitarán o municipio miñoto para facer unha análise das obras realizadas nos últimos anos e aprender xunto ao especialista Mateus Porto cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos. 

 Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público e concelleiro en Tomiño Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ é adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’.  

 Durante a xornada aplicarase unha metodoloxía innovadora para que todas as persoas participantes tiren o máximo rendemento: haberá unha deriva de observación libre –na que cada persoa tirará fotografías de elementos salientables do espazo público local para logo comentar-, debate colectivo en grupo e visitas comentadas a espazos  reformados con solucións innovadoras. Falarase en xeral do ‘modelo Tomiño’ e entre as zonas que se analizarán estarán o núcleo do Seixo, a parroquia de Figueiró –onde se creou un núcleo de centralidade- e a zona de Goián, tres actuacións singulares que recollen a filosofía Ágora.  

 O ‘Observador Ágora’ que estará presente e fará as súas achegas externas será nesta ocasión o arquitecto Mateus Porto, quen xa participara como relator na anterior edición da Facultade Ágora falando de como facer “funcionar” vilas e cidades.  

 En xeral, a xornada de traballo servirá para aplicar conceptos teóricos adquiridos na primeira edición da Facultade durante o ano pasado. Quérense buscar solucións prácticas a necesidades que se repiten en todos os concellos: saber como repartir o espazo público, como utilizar criterios de deseño, como resolver interseccións, ou como xestionar o tráfico, entre outras cuestións.    

 A falta de pechar a inscrición, está confirmado que asistirán ao obradoiro de Tomiño representantes políticos e técnicos de alomenos 10 concellos da provincia, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida para unha correcta celebración do evento dada a súa tipoloxía práctica.   

 O primeiro dos ‘Obradoiros Ágora’ celebrouse o pasado día 16 en A Estrada e os seguintes serán en Ponteareas e Vilagarcía de Arousa despois do verán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario