As praias Area Grande e O Forte (Camposancos) acadaron novamente cadansúa bandeira azul
O camiño que une ambas as dúas praias tamén contará co distintivo "Sendeiro Azul"
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda fixo público no día de hoxe, que un ano máis as praias de O Forte (Camposancos) e Area Grande, cumpren cos requisitos do distintivo internacional de bandeira azul, séndolles concedidas a ambas as dúas praias.
A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público no día de onte, como xa avanzamos neste xornal dixital, a listaxe de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.
O Concello de A Guarda traballa en ofrecer un servizo de calidade e eficiente. Polo que acadar este recoñecemento implica un compromiso coa calidade medio ambiental e cos servizos para que veciños e visitantes dispoñan dos mesmos, acordes coa excelencia destas praias.
Os servizos esixidos por Bandeira Azul son paneis informativos, análise de augas excelente nas catro anteriores tempadas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezará co arranque estival.
A praia Area Grande luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e foi concedida cada verán dende esa data. Pero no verán pasado o Concello de A Guarda comunicou formalmente a súa renuncia voluntaria a ADEAC para o devandito areal ante a imposibilidade de contar co servizo de socorristas de luns a domingo. Dos 6 socorristas necesarios para cubrir ambas as dúas praias tan só foi posible contratar a 4 debido a dificultade de dispor de persoal formado tal é como require este servizo.
No caso da praia do Forte (Camposancos) tamén renovou a bandeira azul dende o 2010. Ademais da bandeira azul esta praia fluvial tamén contará co distintivo “Ecoplayas”.
O concello de A Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para dúas das praias do concello.
O pasado día 5 de abril a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) comunicou ao Concello de A Guarda a concesión do distintivo “Sendeiro Azul”, o camiño que une as praias de O Forte e Area Grande.
A cerimonia de entrega do galardón Sendeiro Azul, terá lugar o 26 de maio no Real Jardín Botánico de Madrid.
Ningún comentario:
Publicar un comentario