Máis de 150 escolares visitaron na Casa dos Alonso, a exposición de libros do Principiño
Que pode visitarse ata o 10 de abril, de 9:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h de luns a venres; e de 10:00 a 13:00h os sábados
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da concellería de Cultura, presentou o pasado día 1 de abril as actividades e a programación para o mes do libro 2022, que arrancou coa inauguración da exposición de libros “O Principiño”.
Trátase dunha mostra con máis de 250 exemplares de diversas edicións sobre unha das novelas curtas mais importantes e ao mesmo tempo, a obra mais famosa do escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry.
Ao longo desta semana foron máis de 150 os nenos e nenas dos diferentes centros educativos da vila que participaron nas visitas guiadas a esta exposición, entre eles o CEIP Plurilingüe As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo; o CPR Padres Somascos – Fundación Educere; o CEIP Manuel Rodríguez Sinde; o CEIP A Sangriña; a Escola Unitaria de A Gándara; e o Colexio Plurilingüe San José - Carmelitas.
Nestas visitas á exposición o alumnado tivo a oportunidade de participar nun contaconto da obra do Principiño adaptada a escolares de Educación Infantil (4-5anos).
Os exemplares expostos do Principiño son propiedade de Chelo Vicente Rodríguez, unha veciña de A Guarda que comezou fai xa uns dez anos a coleccionar libros desta obra, unha das máis traducida do mundo, contando na actualidade con tradución a máis de cincocentos idiomas e doce dialectos da xeografía española. Chelo comezou esta interesante colección a raíz das viaxes que foi realizando polo mundo, mercando exemplares en diferentes idiomas, grazas tamén a formar parte dun grupo de coleccionistas. Dese xeito, logrou reunir ese importante número de exemplares que poderán contemplar os visitantes que se acheguen á Casa dos Alonso, na primeira exposición pública na que se pode ver esta interesante e asombrosa colección de libros do Principiño.
A exposición estará na Casa dos Alonso ata o 10 de abril, podendo visitarse de 9:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h de luns a venres; e de 10:00 a 13:00h os sábados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario