Derrube do teito do cabanón da leira de Santiagón
Fai uns días caeu o tellado da edificación que facía de pórtico de entrada á leira de Santiagón, nas proximidades da praza de San Queitano, no barrio da Cruzada. Este cabanón foi construído para gardar os apeiros de labranza e para gardar gando que pastaba no seu interior. O paso do tempo e sobre todo a invasión da natureza fixo colapsar o teito desta construción agrícola tan singular.
O motivo da caída do seu tellado lévanos a establecer a nosa mirada sobre esta arquitectura tradicional moi coñecida pola xente da Cruzada e totalmente esquecida polos habitantes da Guarda. Afastado de calquera plan de coidado e mantemento convén dedicarlle unhas palabras a este singular predio que acaba de perder a súa forma orixinal e que, probablemente, nunca a volva a recuperar.
En primeiro lugar hai que falar onde está situado: a beira do camiño que une San Queitano coa fonte de Santa Catalina. Un camiño de servizo rural que descende con moita pendente e que vertebraba as leiras alongadas e rectangulares que conforman os socalcos perpendiculares á faldra do monte Trega. Baixando á dereita estaban os terreos de cultivo e a esquerda a canteira de onde se extraeu a pedra para o porto da Guarda a comezos do s. XX.
A propiedade das leiras ao pe da Praza de San Queitano tamén recaía en familias con poder económico. Eran fincas de grandes superficies e concretamente esta era de una familia da zona da alameda-Salcidos: o propietario chamábase tío Santiagón. A distancia entre ambas zonas era grande e sería moi laborioso o traslado de ferramentas cada vez que se precisara traballar a terra polo que volveuse unha necesidade construír algo para este tipo de almacenaxe. Esta finca estaba moi ben delimitada con muros altos polo que esta construción tamén servía de entrada ao recinto.
A construción é moi básica pero con bastantes atractivos. Está nunha esquina da finca e delimitada por dos muros moi altos. Maiormente está realizada en pedra con bastante pericia na técnica tradicional da “pedra seca”. O espazo interior desta habitáculo se caracterizaba por se moi alto, de máis de 3 metros. Tiña tres vanos con tirantes formadas por grandes pedras e ladrillos. Eran aberturas de gran amplitude que comunicaban tres niveis de cota: a entrada do camiño, onde estaría a porta. Unha vez dentro había dúas aperturas; un que comunicaba a gabia onde estaban os viñedos e outra que ía ao terreo superior da leira. E, finalmente, está o tellado do edificio feito con ladrillo. Esta combinación de materiais, pedra e ladrillo, lévanos a situar a súa construción nos anos 20. Non existen moitas construcións semellantes. Moi cerca estaba un pequeno caseto da canteira mais a tipoloxía parécese a un alpendre da zona rural.
Todos estas leiras que conformaban estas terrazas da Cruzada estiveron cultivadas ate os anos 70. A partires deste momento o país comezou a abandonar o campo para dedicarse a outros sectores. Isto fixo que toda esta zona fose devorada pola natureza e fauna (xabarís, raposos…). Herbas, silveiros, enredadeiras foron menoscabando as paredes. O volume das ireiras fíxose insostible. Nas últimas décadas ameazaba ruína co perigo que iso supoña. O cabanón da leira de Santiagón sempre pasou desapercibido ate o de agora. Ninguén o apreciou, nunca estivo en catálogos, nunca foi considerado como patrimonio… Foi unha construción fronteiriza, de comunicación de dous mundos (o rural e o mar), unha tipoloxía adaptada ao territorio e que tivo que facer fronte a unha funcionalidade agropecuaria moi concreta. En definitiva, que sempre nos damos conta do valor das cousas ata que o perdemos.



Ningún comentario:
Publicar un comentario