O semblante do Mochila
Tino Baz Baz relembrando a seu amigo Emilio González González (Mochila)
Foto: Infogauda
Tino Baz Baz*
Así era alcumado popularmente o meu amigo Emilio, de nome completo Emilio González González, mariñeiro entrañable e rostro singular da memoria do noso pobo. Persoalmente lígame a él unha relación de afecto e admiración mutua, pois pechouse ata o final sendo él xa nonaxenario. Unha doenza de columna afastouno da vida activa no mar pero sempre se mantivo ligado a él grazas ás súas inxeniosas mans, e a pulcritude coa que construía aparellos, redes, arrastóns do camarón e na extensión da actividade tamén curiosos maceteiros e ornamentos de tecedor de fíos. Lembro tamén cómo a finais dos noventa, fíxome moi xenerosamente unha funda para a pandeireta con trencilla e, curioso como era, tamén con todo luxo de detalles. Históricamente compre salientar, que aquela macromalla que había no antigo Estadio do Tecla que cubría toda a parte de detrás da portería que daba para o mar, foi feita polas mans do Mochila. Poeta popular ocorrente, recitaba no entorno social e na distancia curta as súas peculiares composicións, como proba humilde e sinxela do seu ser creativo e sensible. Mantivo unha intensa relación de amistade real con Manuel Sobrino - Manolo o practicante -, pai de Miguel Ángel Sobrino Blanco, feito este que deu pé a través deste eminente profesor na Facultade de Xornalismo da Complutense de Madrid, para que Emilio exercera de informante de Xaquín Lorenzo, o escritor ourensán. Así no seu libro "Os oficios", todo o que está relacionado cos aparellos e co mundo do mar, vén a ser o que transcribiu o polígrafo ourensán deste afectuoso veciño noso.
Pudorosamente comentar na síntese da memoria compartida con él, unha anécdota que me revelou a propia familia na conversa dunha cea de Nadal. Fíxolle saber a todos que as dúas cousas que máis lle gustaban nesta vida, eran ver xogar ao Real Madrid e escoitar cantar a Tino Baz. Enterouse fai anos, a través da prensa que "(...) o vigués Tino Baz actuará co Café Real de Moaña". Todo indignado respondeu, "(...) cómo vigués si é da Ghuardia?. Finalmente engadiu, "(...) claro, é tan bó que xa o queren pa eles".
Obviamente aquí está a evidencia do moito que empatizaba con Emilio, a través do seu entusiasmo e dos seus graciosos e honrados razonamentos orixinais.
Moi ben lle quixemos e moi ben tamén o gardamos na memoria hoxe. Eterno en nós e eterno él de corazón.
* Músico, cantautor e poeta

Ningún comentario:
Publicar un comentario