3 de set. de 2026

A GUARDA

A Casa dos Alonso abre unha xanela á historia da educación, a ciencia e a cultura españolas 

 

O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, presidiu a inauguración da exposición “Nas orixes. Arte, xénero e matemática na Prehistoria”, unha mostra comisariada por Francisco A. González Redondo - a esq. da imaxe -, que pode visitarse na Casa dos Alonso
Vista dalgunhas das faixas enrolables da exposición patente na Casa dos Alonso
Antonio F. Canales Serrano, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid, e Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, profesor da Universidade da Coruña (UDC), investigador, escritor e coordinador das actividades programadas

Vista parcial do público que asistiu a primeira conferencia
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Casa dos Alonso da Guarda converteuse na tarde deste xoves, 3 de setembro nun espazo de reflexión sobre a historia recente de España coa inauguración do ciclo “Franco e o desarrollismo. Aspectos de política educativa”, unha proposta que reúne, ata o vindeiro sábado, investigadores e especialistas para analizar diferentes dimensións do franquismo, as transformacións educativas dos anos sesenta e a evolución da cultura e da ciencia españolas. 

 As actividades comezaron ás 19:00 horas coa inauguración do ciclo de conferencias e da exposición “Nas orixes. Arte, xénero e matemática na Prehistoria”, unha mostra comisariada por Francisco A. González Redondo - Licenciado en Ciencias Matemáticas (Universidade de Cantabria), Especialista Universitario en Historia da Matemática (UCM), doutor en Filosofía (UCM), doutor en Matemáticas (UPM). Profesor Titular de Historia da Ciencia na Facultade de Educación, onde imparte docencia desde 1989 -, que introduce o público nunha aproximación histórica á presenza da arte, o xénero e o pensamento matemático xa nas sociedades prehistóricas.

 O acto serviu así como punto de partida para unhas xornadas que combinan divulgación, investigación histórica e patrimonio cultural, baixo a coordinación de Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez,  mestre e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación (Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela; profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña, investigador e escritor. A iniciativa pretende ofrecer unha mirada ampla sobre momentos e procesos fundamentais da historia educativa e cultural española, poñendo o foco especialmente nas políticas desenvolvidas durante o franquismo e nas profundas transformacións que experimentou a sociedade española a partir dos anos sesenta.

 Francisco A. González Redondo foi o encargado de presentar a exposición, achegando ao público as claves dunha mostra que poderá visitarse na Casa dos Alonso ata o 18 de setembro. “Nas orixes. Arte, xénero e matemática na Prehistoria” incorpora, desde unha perspectiva histórica e cultural, diferentes elementos destinados a cuestionar a visión convencional sobre as primeiras sociedades humanas e a evolución dos coñecementos, das expresións artísticas e das relacións de xénero.

Unha mirada á revolución educativa dos anos sesenta  

 A continuación chegou o primeiro relatorio do ciclo, “Donde dije digo... La revolución educativa de los años 60”, a cargo de Antonio F. Canales Serrano, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid.

 A conferencia puxo o foco nunha década decisiva para comprender a evolución do sistema educativo español. Os anos sesenta estiveron marcados por importantes cambios sociais e económicos asociados ao desenvolvemento do país, pero tamén pola necesidade de adaptar as estruturas educativas a unha sociedade que estaba a experimentar profundas transformacións.

 Desde a perspectiva da historia da educación, a sesión permitiu abordar as contradicións e mudanzas dun período no que o franquismo impulsou novas políticas educativas mentres España avanzaba cara a un modelo social e económico diferente do existente durante as primeiras décadas da ditadura.  

 O propio título da conferencia, “Donde dije digo...”, apunta precisamente á análise das mudanzas de posición e dos cambios experimentados polas políticas educativas ao longo deste período, nun contexto no que a modernización económica e social obrigaba tamén a revisar determinados plantexamentos do sistema educativo.

 A intervención de Canales Serrano abriu deste xeito o programa académico dun ciclo que continuará cunha nova perspectiva sobre a educación durante o franquismo.

Tres días para revisar a historia educativa e cultural  

 O programa continuará este venres, 4 de setembro, ás 19:30 horas, na Casa dos Alonso, coa conferencia “El Patronato para el Fomento de la Igualdad de Oportunidades. Una mirada a la política de la educación del franquismo”, impartida por José Ignacio Cruz Orozco, profesor titular do Departamento de Educación Comparada e Historia da Educación da Universidade de Valencia.

 A terceira xornada, o sábado, 5 de setembro, pechará o ciclo coa inauguración da exposición “As xeracións da Idade de Prata da cultura española” e coa conferencia “En el 90 aniversario de la guerra civil, 1936-1976. Entre dos Edades de Plata”, que ofrecerá o propio Francisco A. González Redondo, profesor titular de Historia da Ciencia na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid.

 Esta segunda exposición poderá visitarse tamén ata o 18 de setembro na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. A mostra está realizada coa participación de González Redondo e Begoña Regueiro Salgado, da Universidade Complutense de Madrid.  

 Con esta programación, A Guarda acolle durante tres xornadas un encontro entre historia, educación, ciencia e cultura. Unha iniciativa que propón revisar o pasado desde distintas perspectivas e que, a través das conferencias e das exposicións, busca achegar ao público cuestións fundamentais para comprender tanto a evolución do sistema educativo como as transformacións culturais e científicas da España contemporánea.

 O ciclo conta coa colaboración do Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade da Coruña, a Facultade de Educación da UCM, a Asociación Española para el Avance de la Ciencia, a Sociedad Cántabra de Escritores e outras entidades do ámbito educativo e cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario