5 de set. de 2026

A GÁNDARA (A GUARDA)

A tradición da cachiza volve reunir deporte e compañeirismo na Gándara 

 

O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro Isidro Lomba Lorenzo, cos integrantes da parella gañadora no XVII Torneo Cachiza

O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro Isidro Lomba Lorenzo, cos integrantes da parella clasificada en 2º posto no XVII Torneo Cachiza

Foto de familia do alcalde e o concelleiro de Infraestructuras, Vías e Obras, Servizo Cidadán e Persoal,  cos integrantes das dúas parellas finalistas
Fotos: Juan Carlos Gómez Martínez


Ricardo Rodríguez Vicente/A Gándara (A Guarda)

 A rúa As Pozas, na Gándara (A Guarda), converteuse este sábado, 5 de setembro, no escenario do XVII Torneo Cachiza, unha das citas tradicionais das Festas das Mercedes. A partir das 16:00 horas, un total de 32 parellas participaron nunha competición que, un ano máis, combinou deporte, tradición e, sobre todo, moito compañeirismo.

 A xornada estivo marcada por unha intensa calor, con temperaturas que chegaron aos 30 graos, unha circunstancia pouco habitual na zona para estas datas. Malia as elevadas temperaturas, as parellas participantes non quixeron faltar a esta xa consolidada cita festiva. 

 

Esteban Vicente Rodríguez, nun momento da súa participación no XVII Torneo Cachiza

 Entre os competidores atopouse, un ano máis, Esteban Vicente Rodríguez, de 85 anos, fundador do Torneo Cachiza. A súa presenza volveu ser unha das notas máis entrañables da xornada e, como recoñecemento á súa traxectoria e á súa vinculación con esta tradición, a súa imaxe foi reproducida nos trofeos entregados nesta edición.


Esteban Vicente Rodríguez, protagonista dos trofeos deseñados para á 1ª e a 2ª parella clasificadas



 O sistema de competición estableceu tres tiradas para cada parella. Unha vez completada esta primeira fase, as dez parellas que conseguiron as mellores marcas accederon á final, disputada a dúas tiradas, na que se decidiu a clasificación definitiva.  

 Tras a fase final, a vitoria foi para a parella inscrita co nome de “Alcalde Portanet”, que conseguiu unha distancia de 95 metros. A segunda posición correspondeu a “Os primos”, cunha marca de 94 metros, quedando así a só un metro da parella vencedora.

 As dúas parellas clasificadas nas primeiras posicións recibiron os correspondentes trofeos -realizados por persoas usuarias da Asociación Avelaíña -, ademais das ceas establecidas como premio pola organización.  

 O XVII Torneo Cachiza estivo organizado pola Asociación de Veciños O Percamino, da Gándara, coa colaboración do Concello da Guarda, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, así como co financiamento da Unión Europea.  

 Un ano máis, a cachiza volveu ser protagonista nas Festas das Mercedes, mantendo viva unha tradición que segue reunindo varias xeracións arredor dun deporte popular no que a competición comparte espazo coa amizade, a convivencia e o espírito festivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario