“Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa”, unha proposta para achegar a arte ao rural
Conchi Garrido, comisaria da mostra incluída na programación de actos do Día da Muller, explica que o obxectivo é facilitar a accesibilidade ao circuíto cultural da arte nun municipio de gran dispersión xeográfica, como é Tomiño
Conchi Garrido Rodríguez, artista viguesa afincada en Currás (Tomiño)
Foto. C.T.
Infogauda / Tomiño
“Preto de ti!. Mulleres artistas a pé de rúa”, a exposición de arte contemporánea feminina que estará nos PIM (Puntos de Información Municipais) das 15 parroquias tomiñesas durante todo o mes de marzo, pretende chegar a arte feminina á xente de a pé, e o mesmo tempo solventar o obstáculo da gran dispersión do rural tomiñés.
Así o explica a artista Conchi Garrido, comisaria da mostra incluída na programación de actos conmemorativos do Día da Muller. “O obxectivo é facilitar a accesibilidade ao circuíto cultural da arte, e máis especificamente á arte contemporánea feminina”, comenta. Estas mulleres artistas teñen en común que traballan dende Galicia e están vinculadas de algún ou outro modo á Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde estuda a comisaria); algunhas como profesoras e outras como ex-alumnas.
“Todas elas representan o panorama contemporáneo galego e nacional. Un grupo heteroxéneo que permite ofrecer aos cidadáns unha mostra das diferentes disciplinas que a arte contemporánea plantexa”, sinala Garrido. A proposta que poderemos ver ao longo de todo o mes, xurdiu da premisa feita polo profesor e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Manuel Buxán, que plantexou ás alumnas do último curso, levar a cabo un proxecto de xestión cultural. A artista tivo claro entón que quería realizar o seu proxecto no concello onde reside (Tomiño) e reverter deste xeito algo aos tomiñeses, “tendo en conta a maiores que Tomiño é un Concello sempre interesado en dinamizar culturalmente a nosa contorna”.
Conchi Garrido Rodríguez
Nada en Vigo (1977), reside e traballa na parroquia tomiñesa de Currás. Despois de desenvolver durante anos a súa carreira profesional no mundo das ciencias, interésase pola arte e comeza a formarse coa ceramista Emilia Guimeráns, en Vigo. Máis tarde, abre o seu taller, baixo o nome de Charria Ceramics, en Currás.
Actualmente cursa 4º ano de Belas Artes, na Facultade de
Pontevedra. As súas liñas de traballo xiran en torno á instalación, agrupando a
escultura, o debuxo e a pintura.
Becada pola entidade 12 Miradas Riverside, da corporación Hijos de
Rivera (Estrella Galicia), para participar no taller do deseñador Martín Azúa (2019),
participa en distintas exposicións colectivas, como a de “San Ero. Casá das
Campás”, Pontevedra, 2019; “Táctil.Sala X. Facultade de Belas Artes de Pontevedra”,
2018, ou a de “A Tenda. Pop up de novos deseñadores galegos”. Pontevedra, 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario