A Xunta de Galicia conmemora o Día Internacional dos Bosques cunha videoxornadas previas sobre o sector forestal
O obxectivo é celebrar, de xeito anticipado, a xornada mundial dos montes do 21 de marzo
O evento terá lugar en dúas quendas, o mércores 16 e o venres 18 de marzo, e contará coa participación de expertos da Xunta, das universidades de Vigo e de Santiago e de empresas especializadas do eido forestal galego
Infogauda / Santiago de Compostela
Con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora todos os anos o 21 de marzo, a Xunta de Galicia organizou unhas videoxornadas previas, centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no inventario forestal continuo de Galicia.
A webinar terá lugar en dúas quendas, o mércores 16 e o venres 18 de marzo. Contará coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, comezando polo seu titular, José Luis Chan, e con outros representantes de diferentes departamentos da Xunta, tales como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -coa súa directora, Mar Pereira, á cabeza- ou o Instituto Galego de Estatística. Ademais, haberá participación de expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal da nosa comunidade.
A primeira das videoxornadas -sobre dixitalización e descarbonización- abordará aspectos como o fondo documental do monte galego, o sistema de indicadores forestais en tempo real ou os servizos web aplicados ao sector forestal de Galicia. Tratarase tamén a plataforma para a introdución dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, así como a rastrexabilidade da madeira baixo tecnoloxía blockchain.
Pola súa banda, a segunda webinar, do día 18 de marzo, xirará arredor do Inventario forestal continuo de Galicia. Así, haberá achegas de diferentes expertos sobre os primeiros resultados do prototipo de mapa forestal a nivel de concello, sobre o informe sociodemográfico da rede base do inventario e dos solicitantes de aproveitamentos forestais e sobre a rastrexabilidade da actividade forestal.
Público interesado
Esta iniciativa vai dirixida especialmente ás organizacións que compoñen o sector forestal galego, xa sexan asociacións de produtores e de transformadores, empresas de servizos, sistemas de certificación, organizacións ambientais, organizacións profesionais agrarias, administracións públicas, centros de investigación etc. Os interesados en participar, poderán inscribirse remitindo un correo electrónico ao enderezo forestal.mediorural@xunta.gal co título “videoxornadas forestais”, xuntando nome e apelidos, organización á que se pertence e e-mail de contacto (isto último non será preciso se coincide co do envío).
A información adicional sobre este evento, xunto con outros de carácter forestal nos ámbitos galego, estatal, europeo e internacional, pode atoparse no seguinte enderezo web: https://ovmediorural.xunta.gal/es/actividades-formativas/eventos-forestales.
Ningún comentario:
Publicar un comentario