Ábrese o prazo para presentar candidaturas ao III Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía
O galardón pretende contribuír a “xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón, que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”
· A convocatoria estará aberta ata o 31 de maio e conta cun premio dotado con 20.000 euros
· As candidaturas deberán presentarse enviando debidamente cubertos os modelos dispoñibles na web do premio premioramirocarregal.com/cardiologia
Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela
Ata o 31 de maio estará aberto o prazo para presentar candidaturas á
terceira edición do Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía
“Enfermidades valvulares cardíacas”
Ramiro Carregal, dotado con 20.000 euros e galardón acreditativo. Este Premio
naceu no ano 2018 froito dun acordo entre o presidente de Frinsa, Ramiro
Carregal, a presidenta do Padroado da Fundación Instituto de Investigación
Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez e José Ramón González Juanatey, xefe de
Servizo de Cardioloxía do CHUS e investigador do IDIS, co fin de recoñecer o
labor dos investigadores e clínicos que traballan na procura dun mellor
tratamento das patoloxías que afectan as válvulas cardíacas.
Poden
presentarse a este Premio investigadores básicos ou clínicos que desenvolvan a
súa actividade “en centros sanitarios e/ou de investigación, públicos ou
privados de Galicia, España ou calquera parte do mundo”. Para iso tan só terán
que cubrir os modelos de solicitude dispoñibles na páxina web do Premio,
premioramirocarregal. com/cardiologia. Trátase dun documento explicando o
proxecto e outro co CV resumido do investigador principal e/ou grupo de
investigación, ademais dunha declaración escrita comprometéndose a recoller o
galardón persoalmente en caso de resultar premiado.
As
propostas, que deben ser orixinais e ter un carácter claramente innovador e
aplicado poderán presentarse ata o próximo 31 de maio directamente a través da
citada web do Premio, ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou no
correo electrónico cardiologia@premioramirocarregal.com.
O
Dr. González Juanatey, referente mundial no tratamento das enfermidades do
corazón, explica que o obxectivo do Premio é “xerar novo coñecemento en
patoloxías que afectan as válvulas do corazón, que supoñen xa a terceira causa
de enfermidade cardíaca”. O xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS asegura que
nos próximos anos “viviremos unha revolución absoluta das enfermidades das
válvulas do corazón”, patoloxías moi ligadas ao envellecemento e que, por
tanto, supoñen “un auténtico problema de saúde” na nosa sociedade.
Premiados
Na primeira edición o Xurado –presidido polo Dr. G. Juanatey e composto por prestixiosos expertos en Cardioloxía–, premiou o traballo do equipo liderado polo investigador Diego López Otero e titulado “Impacto prognóstico da amiloidose cardíaca en pacientes con estenose aórtica severa sometidos a implante percutáneo de válvula aórtica”. Na segunda edición, cuxo acto de entrega tivo que ser atrasado pola pandemia, foi premiado o Dr. Carlos Peña Gil polo seu proxecto “Mellora continua da calidade na xestión integral do proceso de estenose aórtica sintomática”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario