17 de mar. de 2022

A GUARDA

Cruz Vermella en Baixo Miño organiza un novo obradoiro de xestión emocional 

Terá lugar nunha aula de instalacións pertencentes ó concello de Tui

 


Neli Rodríguez / A Guarda

 Todos os mércores dende o 20 de Abril ata o 8 de Xuño, en horario de 10.30 a 12.30, realizarase un novo obradoiro de Xestión emocional. O obradoiro terá lugar nunha aula de instalacións pertencentes ó concello de Tui. Esta actividade enmárcase dentro do programa “Cruz Vermella te escoita”, que ten como obxectivo favorecer o benestar emocional das persoas e que se puxo en marcha trala crise provocada pola Covid-19. 

 Dentro destes talleres, que son impartidos por voluntarias especializadas en psicoloxía, trabállanse diferentes aspectos como o papel das emocións, os problemas derivados dunha mala xestión emocional, a importancia dos pensamentos, o control da ansiedade,  a regulación emocional ou  a xestión do duelo,  ó tempo que se establece o momento no que é importante pedir axuda profesional. 

 A pandemia está tendo repercusións sobre a saúde mental e tamén sobre as persoas que se atenden dende Cruz Vermella e que xa eran vulnerábeis. Por esta razón, é necesario contar con formas innovadoras para reforzar o apoio e o acompañamento psicosocial das persoas que máis o precisan. 

 Estas sesións son posibles grazas a Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA) que lanzou hai uns meses a campaña “Estar preparados (Para estar máis seguros)”, coa que realizaron unha importante contribución de 3,8 millóns para distintas accións do Plan Cruz Vermella Responde. En total, 107 aseguradoras participaron nesta campaña na que quixeron que a súa financiación serva para loitar contra as consecuencias económicas e sociais da pandemia, polo que está dirixida a diferentes proxectos encamiñados a mellorar a empregabilidade, loitar contra a brecha dixital, facilitar o acceso á educación dos menores en risco de exclusión ou a ofrecer apoio e acompañamento psicosocial ás persoas vulnerábeis dentro da área de saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario