9 de feb. de 2022

O BAIXO MIÑO

OS COMUNEIROS DO BAIXO MIÑO MANTIVERON UNHA XUNTANZA 

Para informar e valorar o acordo unánime no Parlamento galego co obxectivo de instar ó Congreso dos Deputados e ó Goberno do Estado, a que se modifique a Lei de Costas


X. Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM, na reunión celebrada fai uns días en San Miguel (O Rosal)
Fotos: Violeta De Santiago Moure



Infogauda / O Baixo Miño

 No día de hoxe, o secretario da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos, fixo público que "o pasado día 3 de febreiro a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do Baixo Miño mantiveron unha xuntanza para informar e valorar o acordo unánime no Parlamento galego co obxectivo de instar ó Congreso dos Deputados e ó Goberno do Estado, a que se modifique a Lei de Costas co fin de evitar a  confiscación dos Montes Veciñais e seguir mantendo a titularidades dos mesmos nas zonas de demarcación marítimo-terrestre. 

 As Comunidades de Montes Veciñais do Baixo Miño, valoran positivamente este paso dado ainda que son conscientes de que non é definitivo ao carecer a nosa Comunidade Autónoma de competencias en materia de Costas, polo que o acordo non será efectivo ata que non se ratifique en Madrid.

 As e os comuneiros agardan que os votos dos partidos galegos con representación no Congreso sexa o mesmo que votaro no Parlamento galego e lamentan que a iniciativa que solicitaba a modificación do Código Civil para incluir a titularidade veciñal como unha máis e distinta da pública e privada, fose rexeitada. 

 O presidente da ORGACCMM, X. Alfredo Pereira informou tamén do rexistro da Iniciativa Lexislativa Popular para intentar acadar unha nova Lei de Montes, iniciativa que foi respaldada e apoiada masivamente polas Comunidades que comprometeron o seu traballo para acadar as sinaturas necesarias".

O BNG LOGROU O ACORDO DO PARLAMENTO GALEGO PARA QUE A XUNTA DE GALICIA DEMANDE DO GOBERNO DE ESPAÑA A REFORMA DA LEI DE COSTAS

Infogauda / O Baixo Miño

 O BNG acadou o acordo do Parlamento galego para que a Xunta demande do Goberno estatal o inicio dos trámites precisos para proceder a reformar a Lei de Costas de xeito que as titularidades de carácter comunitario wrno os montes veciñais en man comnún poidan existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo-terrestre e do deslinde de costas, sometidas en todo caso aos límites de uso e autorizacións que se consideren necesarias.  

 De igual xeito, a iniciativa defendida pola portavoz nacionalista de Montes, María Albert, facilitará que o Gobemo galego apoie e asesore ás comunidades de montes en man cornún galegas afectadas polas notificacións que Iles están remitindo as xerencias territoriais do Catastro, informándoas de que os terreos propiedade da comunidade situadas dentro da demarcación marítimo-terrestre pasan a ser consideradas de titularidade do Estado.  

 "Ainda que nos escritos remitidos, o Catastro concede un prazo de alegacións, as resolucións estanse a demostrar inamovíbeis, o que equivale a unha incautación ou expropiación encuberta destas terras de propiedade que funcionan en beneficio da comunidade", advertiu Albert, para a continuación sinalar que este non é o primeiro conflito que as comunidades de montes galegas teñen co organismo estatal e recalcar que urxe o recoñecemento na lexislación do Estado desta forma de propiedade que ten permitido o mantemento do territorio galego ao longo dos séculos.  

 Neste sentido, explicou que os montes veciñais en man común non son nin titularidades públicas nin privadas, senón titularidades comunitarias que, ao contrario do que acontece en Portugal, non están plenamente recoñecidas no marco legal estatal, polo que defendeu a modificación do artigo 9 da Lei de Costas, que establece que non poderán existir terreos de propiedade distinta da demanial do Estado en ningunha das pertenzas do dominio público marítimo-terrestre, nin ainda no suposto de terreos gañados ao mar ou desecados na súa ribeira. 

 "Non se trata de que as comunidades de montes en man común poidan facer o que queiran nestes espazos; trátase de que asuman todas as normativas de protección das demarcacións marítimo-terrestres sen perder a titularidade das súas terras e que non se proceda á confiscación de facto por parte do Estado", recalcou na comisión parlamentaria de Agricultura, logo de indicar ue a normativa de dereitos de uso e aproveitamento, "polo que sería perfectamente posible manter este aspecto, mais respectando a titularidade das comunidades de montes".  

 Para o BNG, é preciso revisar a lexislación vixente para que recolla de xeito claro a existencia de montes veciñais en man común como unha forma colectiva de propiedade, non equiparábel á pública nin á privada, polo que a deputada nacionalista considerou que a Xunta "non pode ficar altea a este ataque por parte de Catastro a unha forma de propiedade propia de Galiza, xa que ten unha responsabilidade na defensa deste modelo de propiedade comunitaria que ten unha importancia capital no noso País, coa ocupación de aproximadamente unha cuarta parte do territorio: máis de 700.000 hectáreas xesüonadas por 2.800 comunidades".  

 Nesta liña, a iniciativa nacionalista tamén instaba á Xunta a reclamar ao Executivo estatal a modificación do artigo 338 do Código Civil para recoñecer de xeito expreso a propiedade de carácter colectivo ou comunitario, como a que se dá nos montes veciñais, á par dos bens de dominio público e a propiedade privada. Mais este último punto foi rexeitado por PP e PSOE. 

Nota da Redacción de Infogauda: Para constancia e coñecemento dos amables lectores/as deste xornal dixital transfronteirizo, transcribimos literalmente o contido da proposición presentada polo Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Parlamento galego: 

Á Mesa do Parlamento 

 O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas María González Albert e Carmen Aira Díaz e do deputado Xosé Luis Rivas Cruz, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª, sobre a protección da propiedade colectiva das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común no dominio marítimo-terrestre.  

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS   

 A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) ten trasladado ao BNG a súa fonda preocupación pola situación que se está a xerar ante as actuacións levadas a cabo desde as Xerencias Territoriais do Catastro que atentan directamente aos intereses das comunidades de montes.   

 Así, as oficinas territoriais ou xerencias están a remitir comunicacións aos órganos directivos das comunidades de montes informando de que os terreos propiedade da comunidade, terras de monte veciñal en man común, situadas dentro da demarcación marítimo-terrestre pasan a considerarse de titularidade do Estado.   

 Aínda que nos escritos remitidos o Catastro concede un prazo de alegacións, as resolucións estanse a demostrar inamovíbeis, o que equivale a unha incautación ou expropiación encuberta destas terras de propiedade colectiva que funcionan en beneficio da comunidade.  

 Para a toma destas resolucións Catastro ampárase no artigo 9 da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas que estabelece que non poderán existir terreos de propiedade distinta da demanial do Estado en ningunha das pertenzas do dominio público marítimoterrestre, nin aínda no suposto de terreos gañados ao mar ou desecados na súa ribeira.   

 En primeiro lugar cabe destacar que o artigo citado trata por igual a todo tipo de propiedades. Sen embargo, desde o BNG entendemos que no momento actual deberíase afrontar unha revisión do mesmo para permitiren que na zona de dominio público marítimo-terrestre, que como indica o seu nome debe ser de titularidade pública, poidan coexistir outras titularidades que respecten ese carácter demanial e non privado.   

 Así, proponse a posibilidade de permitiren a titularidade municipal ou autonómica, non só a estatal como se reclama en moitos concellos costeiros, máis tamén, neste caso, a titularidade colectiva ou veciñal, en beneficio da comunidade que, aínda que tratada como privada habitualmente, ten características diferentes.   

 Non é en ningún caso axeitada a equiparación dos montes veciñais en man común a bens de titularidade privada pois a súa natureza é colectiva tal e como recoñece o artigo 3 da vixente Lei 13/1989, de 10 de outubro, de montes veciñais en man común.   

 Polo tanto, e recollendo as reclamacións da ORGACCMM, entendemos que non deberían ter encaixe legal nas detentacións privadas, senón seren considerados como propiedades colectivas como corresponde á súa natureza e réxime xurídico.   

 En ningún momento o mantemento da titularidade pública ou colectiva afectaría á obriga de respectar os límites que a Lei de Costas estabelece neste momento ao respecto das actividades a desenvolver na zona de dominio público marítimo e das preceptivas autorizacións da Demarcación de Costas.  

 É importante neste sentido lembrar que a normativa de costas actual xa permite manter os dereitos de uso e aproveitamento, polo que sería perfectamente posíbel manter este aspecto mais respectando a titularidade das comunidades de montes.   

 En segundo lugar temos de lembrar que a pesares de que a previsión do artigo 9 foi publicada en 1988, tras a aprobación a Lei de Montes Veciñais en Man Común procedeuse a inscribir e rexistrar propiedades a nome desas mancomunidades incluíndo os terreos afectados pola zona de dominio público marítimo-terrestre, probándose así a compatibilidade de manter a titularidade e o respecto da normativa que impón restrinxir os usos nesas zonas afectadas.   

 Tamén pode alegarse a favor da reforma lexislativa que permita conciliar ambas titularidades que a necesaria protección que se dá a outros bens público-demaniais como son as bacías fluviais ou humidais, por exemplo (que poderían ser equiparábeis) non impide a titularidade sobre eses terreos mais si que limita os seus usos.   

 Desde o BNG entendemos que é preciso revisar a lexislación vixente para que recolla de xeito clara a realidade: a existencia de montes veciñais en man común como unha forma colectiva de propiedade, non equiparábel á pública nin á privada, de marcado carácter xermánico.   

 A Xunta de Galiza non pode ficar alleo a este ataque por parte de Catastro a unha forma de propiedade propia de Galiza xa que ten unha responsabilidade na defensa deste modelo de propiedade comunitaria que ten unha importancia capital no noso país no que ocupan aproximadamente unha cuarta parte do territorio: máis de 700.000 hectáreas xestionadas por 2.800 comunidades de montes. Un volume que proba que estas comunidades son un sinal de identidade e da cultura galegas, ademais dun motor económico e produtivo decisivo. Este tipo característico e diferenciado de copropiedade colectiva, cuxas características se teñen mantido e teñen evolucionado en Galiza desde tempos inmemoriais, ha de ser preservado, mantido e protexido.   

 Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate na Comisión 7ª:   

 “O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:   

1. Promover con urxencia medidas de apoio e asesoramento ás Comunidades de Montes en Man Común de Galiza afectadas polas notificacións de Catastro referidas á titularidade dos montes en dominio marítimo-terrestre.   

2. Demandar do Goberno de España que inicie os trámites precisos para proceder a reformar o artigo 9 da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, para que as titularidades de carácter comunitario como son os montes veciñais en man común poidan existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo-terrestre e do deslinde de costas, sometidas en todo caso aos límites de uso e autorizacións que se consideren necesarias.   

 3. Demandar ao Goberno de España que promova tamén a modificación do artigo 338 do Código Civil para recoñecer de xeito expreso a propiedade de carácter colectivo ou comunitario, como a que se dá nos montes veciñais, á par dos bens de dominio público e a propiedade privada.”    

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

Ningún comentario:

Publicar un comentario