3 de xan. de 2022

O ROSAL

O Rosal estrea ano coa visita dunha unidade móbil de doazón de sangue   

Estará situada na Praza do Calvario, o día 5 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 h. 

As persoas interesadas poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 

  


Infogauda / O Rosal

 O Rosal estrea ano cunha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro mércores 5 de xaneiro para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na Praza do Calvario e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.  

 Para ADOS a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada dos e das doantes. Ademais, entregaranse máscaras ás persoas doantes e o persoal vai dotado dos equipos de protección correspondentes. 

 Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.  

 Cada día ADOS despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario