4 de xan. de 2022

ECONOMÍA

Galiza rematou o ano cunha caída da afiliación á Seguridade Social e cunha baixada do paro moi inferior á media estatal 

A inmensa maioría dos contratos subscritos foron temporais e no sector servizos, polo tanto vinculados á campaña de Nadal


Operario traballando
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 O mercado laboral galego continúa a amosar un comportamento alarmante, até o punto de que o noso  país rematou o ano cunha caída da afiliación á Seguridade Social do 0,26% -cando no conxunto do Estado  medrou un 0,3%- e cunha baixada do paro moi por debaixo da media estatal (un 0,11% fronte ao 2,41%), son datos que vén de facilitar Paco Sío, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG.

 Segundo os datos do SEPE que se veñen de coñecer, tras este descenso da afiliación á Seguridade Social rexistrado en cada unha das catro provincias a cifra sitúase no conxunto de Galiza en 1.032.784 persoas. Os datos do paro tamén tiveron unha peor evolución no noso país, cun total de 152.584 persoas  desempregadas, tan só 163 menos con respecto ao mes de novembro. De feito, unicamente a  comunidade foral de Nafarroa tivo un comportamento máis negativo, relacionado coa evolución tan  negativa da pandemia que está a padecer. 

 A nivel provincial, destaca o incremento do desemprego na provincia de Pontevedra, con 599 persoas  desempregadas máis (1%) que no mes anterior. Nas restantes, descendeu lixeiramente. Ademais, a  baixada do paro produciuse só entre as mulleres (un 1,61%), mentres que entre os homes medrou un 2%.  

 Ao mesmo tempo, atopámonos novamente que o descenso tivo lugar no sector servizos e no colectivo de  persoas sen emprego anterior, xa que no resto dos sectores aumentou o desemprego. Por idades, baixou  entre as persoas menores de 29 anos e aumentou no resto da poboación. 

 No que atinxe á contratación, rexistráronse 72.914 contratos, dos que tan só o 9,5% foi baixo algunha  modalidade de contratación indefinida, o que evidencia a estacionalidade e temporalidade do emprego  creado neste período. 

 Polo tanto, o feito de que descendese o paro unicamente entre as mulleres, no sector servizos e en  menores de 29 anos e que a contratación fose maioritariamente temporal amosa que se tratou de  empregos vinculados coa campaña de Nadal. 

Febleza do mercado laboral galego 

 O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, fai fincapé  precisamente neste comportamento tan negativo que está a ter mes a mes a evolución tanto do paro  como da afiliación á Seguridade Social en Galiza.  

 Unha evolución que para o responsábel sindical ten que ver co feito de que a reforma laboral de 2012 se  estea a aplicar con maior dureza, “aumentando a precariedade e impedindo a creación de emprego en  sectores estratéxicos como o industrial”. Sío incide en que a campaña de Nadal non é suficiente para  mudar esta tendencia, “o que demostra a febleza do noso mercado laboral”. 

 Ao mesmo tempo, sinala que os datos dos contratos temporais rexistrados en decembro amosan que os  eventuais por circunstancias da produción situáronse no 60%, cuestión que non se toca na “non reforma  laboral” que vén de aprobar o Goberno español, “polo que un 60% das persoas empregadas van seguir en  condicións de precariedade”. 

 Pola contra, elimínanse os contratos por obra e servizo, que constitúen o 30% dos que se asinan, e  establécese unha nova modalidade de precarización, que son os fixos-descontinuos. “Máis alá de pasar a  ter condición de fixo a situación de precariedade e explotación deste persoal non vai cambiar  absolutamente nada”.  

 Para Sío, outro aspecto a ter en conta da “non reforma” é a especial atención que se lle presta aos  contratos de formación e prácticas, cando os primeiros atinxiron o 0,1% o mes pasado no noso país,  mentres que os segundos representaron o 0,4%. “En consecuencia, imos atoparnos cunha nova forma de  precarización e explotación laboral que son os contratos de formación e prácticas”, remata. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario