16 de dec. de 2021

OIA

A Xunta de Galicia renova a cuberta e a fontanaría do CEIP Mestre Manuel García, de Oia cun investimento de 63.000€  

O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou ambas actuacións, orientadas á mellora da confortabilidade da comunidade educativa e á modernización do edificio

A cuberta preexistente sufriu importantes danos como consecuencia dun tornado e fíxose necesario o seu cambio completo, mentres que as canalizacións estaban en mal estado e substituíronse por unhas novas de materiais inoxidables


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e do xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez, realizou esta mañá unha visita de supervisión

Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar as obras de renovación da cuberta e da fontanaría do CEIP Mestre Manuel García, no Concello de Oia, cun investimento de 63.000 euros.

 Con motivo da finalización dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e do xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez, realizou esta mañá unha visita de supervisión de ambas actuacións, orientadas á mellora da confortabilidade da comunidade educativa e ao proceso de constante modernización do colexio.

 “Temos un forte compromiso coa educación pública e con dotar das melloras condicións aos centros, polo que facíase precisa esta dobre mellora en Oia atendendo a petición do Concello e do propio colexio”, detallou o representante autonómico, que lembrou que as actuacións educativas estanse a desenvolver nos cinco municipios da bisbarra do Baixo Miño.

 A renovación da cuberta do CEIP Mestre Manuel García fíxose necesaria, xa que a preexistente sufriu importantes danos como consecuencia dun tornado, que dobrou as pranchas da cuberta nunha superficie de case 300 m² e arrancou as viguetas e os tabiques de sustentación.

 Ante esta situación, procedeuse á construción dunha nova cuberta, previa retirada dos materiais danados e da súa estrutura. Así, construíuse un novo teito con viguetas ancladas ao forxado de formigón con tirantes de aceiro e coa instalación de panel sándwich de chapa prelacada cun núcleo de espuma de poliuretano.

 Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén procedeu ao cambio da fontanaría do ximnasio deste colexio, que se atopaba en mal estado polo paso do tempo e pola antigüidade dos materiais, posto que toda a rede era de cobre. Por iso, substituíronse por novas tubaxes de compoñentes inoxidables que se distribuiron polos falsos teitos e polo interior dos baños, o cal outorgaralle máis vida útil, en vez de polo patio como sucedía ata a data.

Ningún comentario:

Publicar un comentario