20 de dec. de 2021

O ROSAL

O NÚMERO 75710, AGRACIADO COA MACROCESTA DE NADAL DE O ROSAL 


 Celia e Dani co número gañador da Macrocesta


Juan Ramón Martínez Barbosa / O Rosal

Este pasado venres 17 de decembro tivo lugar por fin o agardado sorteo do Cuponazo da ONCE co que a cafetería Skape 30, de O Rosal (Pontevedra) celebraba a terceira edición da súa Macrocesta de Nadal, cunha moto BMW 1000 cc incluída, valorada en máis de 25.000 euros e que, como sempre, contou coa regulación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. 

 Segundo se informa dende as redes sociais da Organización, a primeira extracción do sorteo foi para o número 40649 (non vendido), a segunda extracción foi 66965 (non vendido), a terceira foi o número 75710 (vendido en A Guarda), a cuarta extracción correspondeu ao 73308 (non vendido), a quinta ao 21085 (non vendido) e a sexta e última extracción foi para o 75169 (vendido por Moteiros do Baixo Miño).

 Polo tanto, a persoa afortunada será a que posúa e presente no local o boleto co número 75710, que tal e como se afirma dende o establecemento rosaleiro, trátase dunha rifa que formaba parte dun talonario que comprou a empresa ‘Nahomar Electrodomésticos’ de A Guarda (Pontevedra) e que regalou entre os seus clientes. Nas bases que rixen o sorteo pódese ler que o dereito ao cobro do premio caduca o 31 de xaneiro de 2022.

 No caso de que non aparecera o dono/a dese boleto dentro do prazo establecido, o número de reserva 75169 que vendeu Álex Guerreiro, membro do club Moteiros do Baixo Miño, pasaría a ser o gañador, con dereito de reclamación ata o 19 de marzo de 2022.

 Dani Rodríguez e Celia Carrera, xerentes de Skape 30, desexando con máximas impaciencia e ilusión que apareza canto antes polas súas instalacións a persoa afortunada, queren agradecer a todos os seus clientes, patrocinadores, colaboradores, vendedores, locais e medios de comunicación a súa implicación e atención con esta iniciativa. En especial, recoñecemento ao propio club Moteiros do Baixo Miño, a Celtamotor e ao Concello do Rosal. Grazas polo seguemento e cobertura prestada a, entre outros, os xornalistas de Atlántico Diario, Cadena SER Vigo, El Español, Faro de Vigo, Galiciasuroeste, Infogauda, Noticias O Rosal, Radio Galega, Radio Municipal de Tui, Telemariñas e á Televisión de Galicia. 

 Para rematar, singularmente, un expresivo e sincero agradecemento ao deportista rosaleiro Gabriel Marcelli, campión do mundo de TR2 e novo piloto de trial de Repsol Honda, ao boxeador profesional de Goián, Charly López, ou mesmo ao administrador de comunidades de Camposancos, Daniel Portela. 

 Para calquera dúbida ou máis información sobre este sorteo pódese contactar coa organización da cafetería Skape 30, de O Rosal, nas redes sociais e no teléfono 697 492 328.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario