17 de dec. de 2021

LABORAL

Persoal das residencias de maiores rexeita a proposta de  convenio da patronal e baralla convocar mobilizacións 

Delegadas/os sindicais da CIG no sector rexeitaron en asemblea o  acordo, que non contempla unha redución da xornada anual 


Asemblea de traballadoras/es e delegadas/os sindicais da CIG nas residencias de maiores privadas de Galiza 
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 Traballadoras/es e delegadas/os sindicais da CIG nas residencias de maiores privadas de Galiza  decidiron onte en asemblea non aceptar a proposta de convenio colectivo achegada pola patronal  na mediación celebrada o pasado 10 de decembro. As empregadas/os reclaman unha redución da  xornada anual, incentivos en pluses de penosidade e perigosidade, a cobertura das baixas ao  100% e rematar cos incumprimentos do actual convenio no pago de festivos e nas vacacións. 

 A federación de Servizos da CIG convocou unha asemblea nacional en Santiago para debater  sobre a proposta do empresariado, un encontro no que participaron as secretarias/os nacional, de  comunicación e de negociación colectiva e a responsábel comarcal de Ferrol no sector das  residencias. 

 Segundo explican dende a central sindical, durante a asemblea analizouse tamén polo miúdo a  situación na que se atopa un sector considerado esencial, “pero mal pagado e mal tratado non só  durante a pandemia senón tamén como consecuencia das prácticas mafiosas das empresas do  sector, que teñen beneficios dun negocio de asistencia privada pero pagada pola Xunta”. 

 Ao mesmo tempo trasladáronse as propostas da patronal, que son principalmente económicas xa  que só achegaron unha mellora nas licenzas. A proposta para 2020 e 2021 é compensar con 50  euros ese período e completar as dúas pagas extra de xuño e decembro, que non se cubrirán este  ano senón en decembro do 22 e en xuño do 23. Para 2022 propoñen un incremento do IPC real,  “quede como quede”, mentres que para 2023 sería do 0,4%, con revisión ao IPC do ano anterior. 

 Na asemblea quedou claro que as traballadoras/es botan de menos a redución de xornada anual,  incentivos en pluses de penosidade e perigosidade, cobrar o 100% durante as baixas e rematar  cos incumprimentos do actual convenio no pago de festivos e nas vacacións. 

 En consecuencia decidiron por maioría absoluta rexeitar a proposta da patronal, acordando non  asinar un convenio que non inclúa estes puntos fundamentais, ademais de valorar a posibilidade  de comezar con mobilizacións e cunha convocatoria de folga. 

 Dende a CIG-Servizos anuncian que lle trasladarán estaa decisión tanto ao Consello Galego de  Relacións Laborais como ao empresariado do sector na reunión que terá lugar o vindeiro 21 de  decembro co obxectivo de renovar un convenio caducado dende 2019 que atinxe a preto de  10.000 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, e que regula as condicións de traballo en  centros de día, centros de coidados ou residencias públicas de xestión privada, privadas con  financiamento público ou completamente privadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario