O presidente da Xunta de Galicia participou esta mañá na entrega dos premios Xuventude Crea 2021
Feijóo anuncia a creación dun museo dixital onde se exporán as obras galardoadas no certame Xuventude Crea
Salienta que permitirá difundir e promocionar as creacións e o arte dos máis mozos para abrirlles novas portas
Infogauda / Santiago de Compostela
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá durante a entrega dos premios Xuventude Crea a creación dun museo dixital onde se exporán as obras galardoadas neste certame autonómico.
Unha plataforma que, segundo explicou, permitirá difundir e promocionar as creacións e o arte dos máis novos, para abrirlles novas portas en salas de concertos, museos, teatros e auditorios. “Queremos que Galicia sexa unha terra de oportunidades para todos os mozos e mozas, tamén para os que tedes vocación artística”, abundou.
Durante a súa intervención Feijóo aproveitou para felicitar aos premiados nas catorce categorías e eloxiou a súa orixinalidade, atrevemento, técnica, formación e dedicación, ao tempo que engadiu que “nesas bandas deseñadas, obras de teatro, xoias, prendas de moda, relatos curtos ou pezas audiovisuais está a continuidade do que somos: a herdanza da nosa tradición e o xermolo da Galicia que virá”.
Logo de reiterar que con este certame a Xunta pretende brindar aos creadores mozos o apoio que necesitan cando máis se precisa, nos inicios, Feijóo salientou que non se trata só dun respaldo económico, senón tamén anímico “valoramos as vosas creacións polo talento, paixón e esforzo que supoñen”, indicou.
Finalmente, Feijóo concluíu poñendo en valor que, doce edicións despois e con 4.000 participantes no seu haber, o Xuventude Crea está máis vivo que nunca. Así o demostra, dixo, a exposición itinerante que leva meses circulando por Galicia, que se pode visitar agora mesmo na Cidade da Cultura, e a participación de artistas premiados neste certame noutras iniciativas impulsadas pola Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario