11 de dec. de 2021

A GUARDA

A ASOCIACIÓN CULTURAL ALFOMBRAS DA GUARDA PRESENTOU UNHA NADALIÑA MOI ESPECIAL

Está situada na planta baixa da Casa dos Alonso


Esa é a fermosa nadaliña feita en homenaxe as veteranas alfombristas de A Guarda, que poderá visitarse nos vindeiros días na Casa dos Alonso
Foto: Cedida


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A Asociación Cultural Alfombras da Guarda e o Concello de A Guarda veñen de homenaxear na noitiña do pasado martes día 7 de decembro, as veteranas alfombristas da localidade. Foi no decurso dun evento celebrado no salón de actos do Centro Cultural da vila, e no que interviñeron o alcalde Antonio Lomba Baz; a presidenta da Asociación Cultural Alfombras da Guarda, Mili Baz Vicente; e o correspondente de prensa e radio, Antón Ferreira Lorenzo.

 Ademais das verbas de recoñecemento as persoas iniciadoras da tradición alfombrista na honra do Santísimo Sacramento na nosa localidade, houbo tamén unha sentida lembranza a todas as veciñas e veciños que ao longo de moitos anos afanáronse nos diferentes labores que conleva á confección dos tapetes florais e de sal, para dese xeito, render un tributo de devoción ao Corpus Christi, expresado en forma de brillante arte efémera popular.

 Na devandita homenaxe fíxose unha emocionada lembranza a todas as persoas que fan posible que A Guarda, sexa unha das vilas de Galicia que destacan no deseño e realización de alfombras de flores e de sal.

 E como corolario, esa merecida e sinxela homenaxe tivo como broche de ouro, a actuación dunha representación da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta. 

 Asemade, na tarde deste sábado día 11 de decembro, un grupo de persoas pertencentes a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, realizaron no vestíbulo da Casa dos Alonso, unha fermosa nadaliña, adicada as nosas veteranas alfombristas e as que continúan o camiño por elas iniciado. O lema da felicitación dínolo todo: SERMOS CAMIÑO.

 A fermosa nadaliña, que poderá visitarse nos vindeiros días na Casa do Concello de A Guarda, reflicte beleza e tradición. É un magnífico xeito de agasallar e de compartir á beleza dun labor feito con moito agarimo, e ao mesmo tempo é un convite a que toda á veciñanza (mulleres, homes, nenas e nenos), segundo súas posibilidades, bote unha man cando comecen os preparativos das alfombras do Santísimo do 2022. 

 Parabéns a todas as persoas que integran a Asociación Cultural Alfombras da Guarda por todo canto levan feito ao longo do tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario