11 de dec. de 2021

A GUARDA

Comunicado do Equipo de Goberno do concello da Guarda en relación as declaracións da directiva do Atlético Guardés de balonmán 


Vista do interior do pavillón da Sangriña
Foto: C.A.G.
Infografía que amosa o aspecto que logo das obras previstas, vai ter o pavillón da Sangriña
Fonte: C.A.G.

  

Infogauda / A Guarda

 En relación ao comunicado da directiva do Atlético Guardés de balonmán, feito público no día de onte; vimos de recibir na Redacción de Infogauda, na mañá deste sábado día 11 de decembro de 2021, o comunicado que remesounos o Equipo de Goberno do concello de A Guarda, e que a continuación reproducimos literalmente:

 “Tendo en conta a relación cordial que vén mantendo o concello coa directiva do club resulta unha sorpresa este comunicado cheo de descualificacións e xuízos de valor que non expresan en absoluto nin a realidade do proxecto, nin o ton dos contactos e reunións que se veñen mantendo entre club e concello. 

 A raíz da publicación o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, púxose en contacto co presidente do club, Jesús López, para expresarlle a súa sorpresa polo comunicado e mostrarlle o seu total desacordo co contido do mesmo. Co ánimo de reconducir a situación mostrouse aberto a coñecer aquelas cuestións técnicas e deportivas importantes para o club e ofreceu a súa colaboración para resolvelas na medida do posible.  

 O alcalde emprazou ao presidente do club a manter unha xuntanza a semana vindeira na que se poidan buscar solucións a problemas reais que presenten dende a directiva. O club comprometeuse a achegar as necesidades de espazos deportivos para a vindeira tempada, para empezar a buscar, entre o concello e o Atl. Guardés, solucións viables. 

 Antonio Lomba tamén trasladou a Jesús López a súa disposición a seguir escoitando as suxestións do club sobre cuestións técnicas relacionadas co proxecto para intentar mellorar, na medida do posible, o resultado final da obra.  

 Hoxe mesmo, 10 de decembro, houbo unha xuntanza entre o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde, Antonio Lomba e a concelleira de deportes, Monserrat Magallanes. Os responsables municipais trasladaron ao Secretario Xeral o proxecto do pavillón da Sangriña e falaron sobre os prazos e o financiamento.  

 Na reunión concordaron sobre a necesidade de reforma do pavillón dado o seu actual estado. José Ramón Lete trasladou a disposición da Xunta para facer unha achega de 600.000 € e a necesidade de que o club estivese de acordo coa mellora do pavillón. O alcalde agradeceu a disposición da Xunta e comentoulle que xa tiveran unha reunión coa directiva na que comprometeran a súa colaboración, polo que estaban a espera de que o club lles trasladara as necesidades. 

 Visto como se veñen producindo as cousas o alcalde declaraba: “non se pode entender o comunicado emitido polo club tendo en conta as relacións de colaboración e entendemento entre concello e Atl. Guardés. Non creo que o publicado no comunicado sobre a reforma do pavillón sexa o sentir de toda a Xunta Directiva e moito menos da afección”. E engadía: “Un concello serio non pode permitirse o luxo de desprezar un financiamento de máis de 1.200.000 € que aportarían entre Xunta e Deputación para unha reforma necesaria do Pavillón Municipal, temos que deixar de lado aos que queren facer política co deporte e  buscar o máis conveniente para a veciñanza da Guarda e para o Atl. Guardés, xogadoras, familias e afección”. 

 O Equipo de Goberno do concello da Guarda entende que hai que aproveitar esta oportunidade de mellorar as instalacións e seguir traballando para conseguir un novo pavillón a medio prazo. Para isto é necesario empezar por ter os terreos, para o que se necesita unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Modificación que xa está en marcha”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario