22 de dec. de 2021

A GUARDA

MANIFESTO CONTRA O DESMANTELAMENTO DA ATENCIÓN PRIMARIA NO BAIXO MIÑO 





As imaxes - facilitadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de A Guarda - corresponden á manifestación que tivo lugar onte na vila de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 A manifestación en defensa da Sanidade Pública, que oportunamente fora convocada polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui, e que contou co apoio da Mancomunidade de Concellos do Baixo Miño, ademáis de varias organizacións cívicas, maila participación de veciñas e veciños do Baixo Miño e do Condado-Paradanta, que como informamos oportunamente, tivo lugar na noitiña de onte martes día 21 de decembro de 2021; concluíu coa lectura dun manifesto, cuxo contido íntegro é o seguinte:

 "A situación de extraordinaria gravidade que atravesan os servizos de Atención Primaria dos nosos concellos obríganos a saír ás rúas novamente, e seguramente non por derradeira vez.    

 Levamos moitos anos alertando desde distintas instancias  de que se estaban a executar políticas que tiñan como obxectivo a eliminación progresiva da Atención Primaria. Neste sentido, a área sanitaria de Vigo ten o papel de laboratorio de ensaio das mesmas e a nosa comarca do Baixo Miño é a súa zona cero particular.     

 Desta vez, concentrámonos na Guarda convocados polas  plataformas en defensa da Sanidade Pública da Guarda, do Rosal, de Oia e de Tomiño. Estamos fartas dunha Xunta de Galiza  que fixo ouvidos xordos ás alertas da necesidade de planificar o relevo xeracional no sistema público de saúde ante as perdas anunciadas que ano a ano padecería este. A súa resposta, sistematicamente, é presionar até ao limite o minguante persoal que lle queda, redundando en novas perdas e dificultando o acceso da poboación máis desfavorecida á atención sanitaria.     

 A carencia de persoal, nomeadamente médico, condiciona o mal funcionamento de toda a carteira de servizos que os nosos centros de saúde teñen asignada desde a mesma atención médica ou de enfermaría, á de traballo social, farmacia ou fisioterapia. Repercute nun persoal administrativo a piques de claudicar ante a carga de traballo e a incomprensión xeral. Orixina listaxes de espera que fan inviábel a atención rápida e resolutiva de patoloxías máis básicas ou máis complexas na Atención Primaria, deteriorando os resultados en saúde da nosa poboación, das nosas veciñas, obrigándonos a buscar solucións na medicina privada a quen  pode permitir pagala.    

 Fáltannos médicas na Guarda, onde levamos un mes tendo só dous, ao sumo tres médicos de mañá e un pola tarde, dun total de oito. Fáltannos en Oia, onde pasamos tramos deste ano sen médico e chegamos ao fin do mesmo cunha soa das dúas que nos corresponden. Fáltannos no Rosal, onde non dispomos de médico asignado cando nos corresponden tres, privándonos de citas en Atención Primaria. Ambos concellos vense obrigados a acudir ao centro de saúde da Guarda en non poucos días. Faltan tamén en Tomiño, que como se fose pouco ve como se recoloca unha das súas médicas no Rosal a días soltos para paliar o desastre, nunha política de desvestir un santo para vestir outro. Con respecto á atención dos nosos nenos e nenas, parécenos inadmisíbel a negativa de substituir a praza de pediatra do Rosal e Oia, atención que acaba sendo absorvida polas pediatras da Guarda, co deterioro que isto supón tanto na atención aos nenos da comarca como nas condicións destas pediatras. Os consultorios de San Miguel e de Goián, seguen pechados.    

 A atención sanitaria, equitativa, de calidade e xusta, é o noso dereito. Defendela, o noso deber. O deber do  goberno da Xunta, é garantir dita asistencia. A eles corresponde pór na mesa as solucións. De nada nos serve que nos digan que non hai médicos. O que non hai, son médicos dispostos a traballar nas condicións que ofrecen, especialmente en zonas mal comunicadas como a nosa. Médicos hainos, pero finalizan a súa formación e, loxicamente, buscan traballar alí onde encontran maior estabilidade contractual e mellores condicións. Como van resolver esta contradición, se pretenden reducir en 2 millóns de euros a asignación de Atención Primaria nos Orzamentos da Xunta para o  2022?    

 Saben perfectamente o que está a acontecer, esta situación responde a un deseño deliberado da Xunta da Galiza do PP. Desde que toma posesión Feijoo en 2009, os orzamentos para Atención Primaria recortáronse en 47 millóns de euros, polo que podemos dicir que chove sobre mollado. É preciso e é posíbel reverter esta situacón. Urxe unha auténtica aposta pola Atención Primaria que a rescate do colapso en que se encontra.    

 O persoal dos centros de saúde camiña da nosa man na defensa duns servizos dignos para a todas nós. Nestes días 21, 22 e 23 de decembro, na Unidade de Atención Primaria da Guarda, o Rosal e Oia, desenvólvese unha folga do persoal destes centros.  Reclaman a cobertura indemorábel do 100% das prazas vacantes nos centros e a dotación dun segundo equipo no PAC da Guarda. Reclaman contratacións estábeis e dignas, primando e incentivando profesionais que decidan vir a zonas como o Baixo Miño pola especialmente difícil cobertura das mesmas. As condicións en que traballan as nosas médicas, enfermeiras, TCAE, PSX, farmacéuticas, traballadoras sociais...son unha cousa de todas nós, porque é evidente que un servizo minguante e baixo mínimos non é capaz de dar unha atención da calidade necesaria, no tempo e forma adecuados. Con tal motivo, desde as Plataformas en defensa da Sanidade Pública do Baixo-Miño solidarizámonos   e pedimos desde aquí  o apoio da cidadanía a esta folga do persoal dos servizos sanitarios. Pedimos tamén que todas e todos os que podades apoiedes as concentracións que teñen convocadas para mañá e pasado diante do centro de saúde da Guarda ás 12:00 da mañá.    

 Temos a obriga cidadá de reaccionar e impedir o desastre. A obriga de continuar exixindo o que nos corresponde. As plataformas en defensa da sanidade  somos  unha ferramenta excelente para o encontro de pacientes e profesionais na defensa dunha Atención Primaria pública, digna, precoz, xusta, equitativa e de calidade.     

 Non imos pasar por menos. A Sanidade Pública, deféndese!"

Ningún comentario:

Publicar un comentario