Finalizadas as obras de mellora no Club de Remo Robaleira
O Concello e a Xunta acometeron obras de substitución da cuberta e pintado exterior da sede do Club de Remo Robaleira
Infogauda / A Guarda
Un convenio entre o concello de A Guarda e a Secretaría Xeral para o Deporte fixo posible o financiamento dunhas obras no Club de Remo Robaleira que non podían demorarse por máis tempo. O deterioro da cuberta do edificio estaba provocando estragos que se viñan agravando nos últimos anos.
Por ese motivo, o concello, na súa política de mellora das instalacións deportivas da localidade, trasladou ao Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa, a urxencia desta obra, motivada pola chegada do inverno.
O alcalde, Antonio Lomba Baz, agradece publicamente a rápida implicación do Secretario Xeral para o Deporte no financiamento desta actuación.
Estas obras contaron cun orzamento total de 29.383,49 €, dos cales 23.506,80 € achegounos a Secretaría Xeral para o Deporte e 5.876,69 € foron achega municipal.
Dende o club tamén trasladaron ao alcalde, Antonio Lomba Baz e a concelleira de deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, o seu agradecemento pola implicación do concello na mellora das instalacións. Agora a directiva está facendo xestións para decorar con pinturas murais as paredes exteriores do edificio. O concello tamén está disposto a ser participe desta iniciativa,
Tanto o concello como a Secretaría Xeral para o Deporte participan neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base, sendo conscientes da importancia da colaboración económica de todas as administracións para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario