A III Asemblea da CIG-Industria de Vigo reelixe a Xulio Fernández como secretario comarcal da federación
Renováronse a Executiva e o Consello comarcal e escolléronse os representantes da Dirección comarcal e do Consello federal
Infogauda / Vigo
A III Asemblea da CIG-Industria de Vigo reelixiu a Xulio Fernández Alonso como secretario comarcal despois de que a súa candidatura -a única presentada- recibise 48 votos a favor e 5 en branco. No proceso celebrado no local do sindicato tamén se escolleron as persoas que formarán parte da Executiva comarcal, da Dirección comarcal, do Consello comarcal e máis do Consello federal.
A Executiva comarcal, que sumou 51 votos a favor e 2 en branco, queda integerada por Xulio Fernández Alonso, María Xosé García Gómez, Henrique Fernández Oliveira, Manuel Simón Graña, Raquel Pérez Fernández, Vanesa Villaverde Rodríguez, Santiago Fernández Sanromán, Pedro Velasco Martínez e César Rodríguez Martínez.
Durante o proceso, ao que asistiu o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, debulláronse as principais liñas da acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos, un período marcado pola grave crise industrial que atravesa o noso país, pola extensión da precariedade laboral e a paralización da negociación colectiva.
Neste tempo sucedéronse os ERTE na práctica totalidade do sector industrial, “fronte aos que nos mantivemos firmes na defensa dos dereitos laborais do conxunto da clase traballadora”. A nivel comarcal, a crise provocada pola pandemia agudizou as problemáticas previas existentes en sectores fundamentais para a bisbarra, como o naval e a automoción.
Así, a falta de actividade de Vulcano e a situación incerta do estaleiro Barreras ameazan a continuidade do naval, un sector que emprega tradicionalmente a milleiros de persoas e que constitúe un dos piares fundamentais da nosa economía, “mentres as Administracións galega e española miran cara a outro lado e non aportan a máis mínima solución”.
Ademais, a automoción segue inmersa nun profundo proceso de deslocalización e padece unha vaga de ERTE cos que se persegue a desregularización da xornada laboral, o que está a incrementar os niveis de precariedade. A proliferación de ERTE, agora coa escusa da crise de semiconductores de fondo, “está a provocar tamén unha situación dramática en concesionarios e talleres de reparación”.
Especial mención recibiu “a unha nova traizón” no convenio provincial do Metal por parte do sindicalismo pactista que representan CCOO e UGT. Neste senso, o secretario nacional da CIG-Industria chamou a acumular forzas de cara á negociación do novo convenio e a combatir a reforma laboral nos convenios de empresa. Así como a conforntar na rúa a nova lei de pensións que o Goberno está a tramitar e que mantén os recortes aplicados nas reformas de 2011 e 2013 e que incluso abre a porta a futuros recortes.
Finalmente, para enfrontar estes retos nas mellores condicións e avanzar nunha saída galega xusta da crise apostouse por fortalecer a organización, incrementar a representatividade e reforzar os piares básicos que sustentan o proxecto sindical da CIG: asemblearismo, combatividade, solidariedade e unidade de clase. Máis nun momento no que a precariedade, a subcontratación e a fragmentación da clase traballadora esixen que o sindicalismo sexa máis útil e eficaz que nunca para dar resposta a todas as loitas
Ningún comentario:
Publicar un comentario