O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizarase contra a nova reforma que consolida os recortes nas pensións
Convoca concentracións este xoves 2 de decembro nas sete cidade e Cangas
Infogauda / Santiago de Compostela
Como cada primeiro xoves de mes, o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocadas concentracións para este xoves, 2 de decembro, para esixir unhas pensións públicas dignas e garantidas. Coincide ademais que ese día se debate no Pleno do Congreso o ditame do Proxecto de Lei de reforma das pensións que "non corrixe nin derroga as reformas de 2011 e 2013, e mesmo abre a porta a introducir novos recortes".
Horas e lugares das mobilizacións
• A Coruña: 11h, Subdelegación do Goberno
• Cangas: 12h, diante do Concello
• Compostela: 11h, Praza do Toural
• Ferrol: 12h, diante do INSS
• Lugo: 12h, Subdelegación do Goberno
• Ourense: 11h, diante do INSS
• Pontevedra: 12h, Praza da Peregrina
• Vigo: 11:30h, diante do Mercado do Calvario
En risco as pensións actuais e as futuras
A CIG advirte que esta reforma resulta lesiva non só para as pensións presentes, senón tamén para as futuras, ao manter os recortes introducidos pola lei de 2011, que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cálculo aos 25 anos, o que supuxo unha caída das contías das pensións do 25%. Con este novo acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións, xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo coa Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150€ ao mes.
Ademais segue anulando a xubilación parcial, penalizando a xubilación anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, mentres impide a entrada de xente nova no mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro xuvenil, entre os menores de 25 anos.
Fronte a isto, a CIG propuxo nas súas emendas ao texto (presentadas a través do BNG) a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos; ir a un período de cálculo de 10 anos -a escoller polo propio traballador ou traballadora-, e repor a xubilación parcial, entre os 60 e os 65 anos, para favorecer o emprego xuvenil.
Con proxecto de lei que se debate o próximo xoves (que se fai para dar traslado á axenda que esixe a UE para poder acceder aos fondos de recuperación), o goberno do PSOE-UP, autodenominado o máis progresista da historia, está dando as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas e condenando a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.
Xunto a isto rexeitan que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.
O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o gasto medio da UE en protección social é do 27,4% do PIB, mentres que no Estado español é de tan só o 23,1%, e que o gasto medio en pensións na UE está no 10, 9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB o que “pon en evidencia a distancia enorme que hai no gasto en pensións”. E reitera, ademais, a necesidade de que se derrogue a reforma laboral porque é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións. Advirte o colectivo da CIG de que “á lesividade desta nova reforma" súmanselle os anuncios de novas medidas para o ano 2022, como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario