A Xunta de Galicia apoia o documental ‘A muller romana na Gallaecia’, proxecto conxunto das universidades de Vigo e León
Dirixido pola profesora da UVigo María José Bravo Bosch, recrea o papel destas mulleres na construción identitaria, social cultural e incluso xurídica do seu territorio
O conselleiro resaltou o traballo de documentación e investigación, que conta cun “cariz académico e práctico que poucos documentais achegan”
Infogauda / Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación do documental A muller romana na Gallaecia, un proxecto dirixido pola profesora da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch, que conta co apoio da Xunta de Galicia. Na súa intervención resaltou o esforzo colectivo das universidades de Vigo e de León na elaboración deste traballo de documentación e investigación, “que amosa de maneira brillante a ambientación á hora de recrear as condicións de vida de hai case 20 séculos”.
O titular do departamento de Cultura do Goberno galego felicitou, así mesmo, ao equipo tras o documental por empregar o Dereito Romano “para lle dar a un cariz académico e práctico que poucos documentais achegan. En lugar de vertebrar soamente unha recreación social e cultural, temos o punto de vista xurídico que enriquece todo o relato, un punto de vista que nos ofrece con máis precisión a situación que a muller romana viviu naquela Gallaecia”, destacou.
Román Rodríguez salientou tamén a oportunidade que este proxecto supón para poñer de relevancia o papel das mulleres da época, “que participaron de xeito activo na construción identitaria, social, cultural e incluso xurídica do seu territorio”, ao abeiro “da lexislación favorable que trouxo consigo a chegada de Augusto”, explicou.
“En definitiva, todo deste documental constitúe unha ollada tan minuciosa e tan coidada ás condicións femininas daquela época que é case un estudo historiográfico de referencia”, rematou o conselleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario