Os traballos arqueolóxicos da Xunta de Galicia no concello de Larouco sacan á luz unha cabana e un depósito votivo
A campaña púxose en marcha o pasado mes de outubro e os restos descubertos poden pertencer a segunda Idade do Ferro
Recuperáronse materiais, sementes e carbóns que serán analizadas para determinar que tipo de rituais se realizaban no xacemento do Castrillón
O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Patricia Lamelas, o xacemento do Castrillón, no concello de Larouco
Foto. X.G.
Infogauda / Larouco (Ourense)
O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Patricia Lamelas, o xacemento do Castrillón, no concello de Larouco, onde a campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello no xacemento do Castrillón vén de sacar á luz unha cabana rectangular de aproximadamente 30 metros cadrados e un depósito votivo agochado nunha ola cerámica. Trátase do resultado duns traballos iniciados a comezos deste mes grazas a unha achega de 30.000€ co fin de definir a antigüidade, dimensións e estrutura deste poboado fortificado da Idade do Ferro.
Así, os arqueólogos implicados nesta intervención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade centráronse na zona dunha cabana rupestre descuberta o pasado outono, onde localizaron baixo o pavimento dunha vivenda un dos poucos votivos que existen no interior dun castro en Galicia. Este novo achado que pode pertencer a Segunda Idade do Ferro estaba oculto nunha fosa escavada na propia rocha e tapada cunha lousa. Ademais, entre os elementos atopados tamén se localizou unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular, que podería ser datada hai máis de 2.000 anos.
A actuación desta campaña enmárcase nun convenio de colaboración dotado con 30.000 euros asinado entre o Goberno autonómico e o Concello de Larouco co fin de poñer en valor este lugar e continuar ampliando as investigacións arqueolóxicas e os labores de mellora paisaxística deste espazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario