24 de nov. de 2021

O BAIXO MIÑO

O BNG no Baixo Miño presentou alegacións ao parque eólico na serra da Groba pedindo a súa paralización  

A fronte nacionalista presentou alegacións para esixir que se denegue a autorización para o proxecto Albariño I  e alerta deste novo exemplo do modelo especulativo e depredador do PP que só beneficia ás multinacionais eléctricas. 

 

Manuel Antonio Lourenzo Sobral, deputado do BNG no Parlamento galego 

Foto: Cedida



Infogauda / O Baixo Miño 

 “O Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa oposición ao proxecto eólico Albariño I polo seu impacto “crítico” na serra da Groba co único obxectivo de beneficiar as multinacionais eléctricas sen reverter ningún beneficio nas zonas afectadas”. Así de claro vén de pronunciarse, unha vez máis, o BNG no Baixo Miño. 

 Desde a fronte nacionalista presentaron “alegacións para esixir que se denegue a autorización administrativa para a instalación neste espazo natural dun parque que afectaría aos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño e Oia”. 

 “Estamos ante un novo exemplo do modelo especulativo e depredador do PP, no que o noso rural padece todos os prexuízos da instalación dos parques eólicos mentres os beneficios van parar exclusivamente ao lobby eléctrico.  Fronte a este modelo espoliador dos recursos galegos, o BNG defende que o vento debe estar ao servizo do país, dos galegos e galegas e non das multinacionais, que se enriquecen a costa dos nosos recursos deixando na nosa terra todos os prexuízos e levando todos os beneficiosdeclarou Manuel Antonio Lourenzo Sobral, deputado do BNG no Parlamento galego.  

 Por estes motivos, desde o BNG presentaron “un escrito de alegacións esixindo a denegación da autorización administrativa e rexeitando o intento de declarar como de utilidade pública a posta en marcha do parque eólico Albariño I”. A fronte nacionalista criticou nese sentido “a cualificación por parte da Xunta dos impactos como moderados, malia as numerosas afectacións que vai ter sobre o entorno”.  

 Dende o BNG poñen enriba da mesa “catro puntos fundamentais” que ao seu xuízo “deberían cumprir, como mínimo, os proxectos eólicos na Galiza: un modelo sustentábel que protexa os recursos de Galiza, con participación pública nos beneficios dos recursos enerxéticos e onde os parques estean vencellados a proxectos industriais que permitan crear emprego e riqueza e unha aposta por estabelecer unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar a factura da luz en Galiza como productora excedentaria de enerxía”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario