A Asociación Ecos do Folón toma partido contra a violencia de xénero
As e os seus integrantes son os protagonistas dunha exposición organizada polo Concello co gallo do 25N e que xa pode visitarse na Casa Consistorial
Foto: C.O. R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal declárase un ano máis en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de agresións. Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello pon en marcha unha nova edición da exposición ‘Eu tomo partido, e ti?’, que este ano está protagonizada por integrantes da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón.
No proxecto ‘Eu tomo partido, e ti?’ xa se involucraron deportistas locais, profesorado dos centro educativos rosaleiros, profesoras da escola infantil A Galiña Azul, xogadores do Acanor Novás Valinox, integrantes da Agrupación Musical do Rosal, a directiva do Club Ciclista do Rosal e agora Ecos do Folón.
Nesta ocasión son dez persoas que dan a cara sumándose a un proxecto co que se pretende loitar contra a violencia exercida contra as mulleres e protagonizando as fotografías que xa poden verse na Casa Consistorial. O Concello quere agradecer a colaboración de Ecos do Folón con esta iniciativa, así como a súa implicación non só coa vida social e cultural senón tamén co futuro do Rosal.
XI CONCERTO CORAL ECOS DO NADAL
Precisamente, despois dun ano moi duro e con moitas complicacións debido á crise sanitaria, a Coral Ecos do Folón volverá subir aos escenarios o vindeiro mes de decembro. O día 11, ‘A música continúa’ no auditorio municipal do Rosal, que acollerá o XI Concerto Coral Ecos do Nadal, no que a coral da asociación estará acompañada polo Coro Passionato de Tomiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario