A Xunta de Galicia activa a formación laboral de 20 persoas desempregadas de A Guarda co obradoiro 'Manuel B. Portela VII'
O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Antonio Lomba, presidíu o acto de inauguración desta iniciativa, que conta cun investimento de 347.000€ da Consellería de Emprego e Igualdade
Este obradoiro, que prolongará a súa actividade durante nove meses, distribuirase nos módulos de Atención Sociosanitaria a Dependentes en domicilios e institucións e Promoción Turística Local e información ao visitante
“O emprego é un dos grandes eixos da acción da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo de mellora da empregabilidade en dous sectores con moita saída laboral na Guarda e a contorna”, explicou o representante autonómico
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, e do director do obradoiro, Adolfo Martínez, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa laboral
Fotos: X.G.
Infogauda / A Guarda
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio de A Guarda coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Manuel B. Portela VII, que conta cun investimento de 347.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e do director do obradoiro, Adolfo Martínez, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da formación específica en oficios.
“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída na Guarda e a súa contorna”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a provincia de Pontevedra está arrancando nestas semanas unha vintena de obradoiros, que formarán a 400 persoas cun investimento de 6,6 millóns de euros.
O obradoiro de emprego Manuel B. Portela VII contará cos módulos de Atención Sociosanitaria a Dependentes en domicilio e institucións e Promoción Turística Local e información ao visitante A formación prolongarase durante nove meses e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.
Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán estes nove meses ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza no sur da provincia de Pontevedra, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma cos tres obradoiros e 23 cursos de formación para desempregados que temos en marcha agora mesmo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario