O concello de A Guarda licita a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde
O tempo de execución das obras estímase en 45 días e o orzamento de licitación é de 159.490,50 euros
O alcalde Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, ollando un plano das obras a realizar na rúa Manuel Rodríguez Sinde
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda saca a licitación as obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde dende o cruce coa rúa Calvario ata o cruce coa rúa San Bernardo.
Esta humanización vén a completar as realizadas na contorna dando a este tramo de rúa a tipoloxía do casco histórico: pavimentado en pedra con plataforma única. Eliminaranse os estacionamentos para gañar espazo para os peóns; haberá un carril de rodadura de tres metros e o resto do ancho da rúa, repartido a ambos lados, estará reservado para as persoas e debidamente protexido. Esta nova urbanización cumple cos criterios de humanización da Deputación e converte esta rúa en accesible.
As obras - con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra -, contemplan a renovación dos servizos de abastecemento de auga e sumidoiro, con separación de augas pluviais e fecais, así como a preinstalación para telecomunicacións e novas acometidas para o alumeado público.
O tempo de execución das obras estímase en 45 días e o orzamento de licitación é de 159.490,50 euros.
Pode accederse á licitación a través do perfil do contratante do Concello de A Guarda, premendo nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario