13 de out. de 2021

CULTURA

O Museo das Peregrinacións e de Santiago convértese nun espazo de encontro cultural para todos os públicos co programa 'Museo en familia'  

A cuarta edición da iniciativa arrancou o domingo con actividades ata o 18 decembro


Foto: X.G.

Céntrase especialmente na rapazada, con obradoiros, visitas teatralizadas e espectáculos musicais nos que cómpre inscrición previa para participar

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Museo das Peregrinacións e de Santiago, xestionado pola Xunta de Galicia, convértese un ano máis nun espazo de encontro cultural para todos os públicos coa cuarta edición do programa Museo en familia. Trátase dun conxunto de actividades distribuídas entre outubro e decembro, con obradoiros, visitas teatralizadas e espectáculos destinados especialmente á rapazada. Para participar nelas cómpre inscribirse previamente a través do teléfono 881 867 401 ou o enderezo electrónico reservas.mdperegrinacions@xunta.gal.

 Así, as actividades comezaron o domingo cun obradoiro de escrita con instrumentos históricos recomendado para nenos e nenas de 8 a 14 anos, desenvolvido por Quod-Fuit nos soportais do museo. Nesta actividade de caligrafía histórica os participantes puideron afondar na evolución da escritura, tanto nas letras como nos materiais e técnicas que se foron utilizando ao longo dos séculos. Incluíu ademais unha visita aos fondos documentais expostos no museo para ver a escrita do pasado.

 O vindeiro sábado 23, ás 18,00 horas, será a quenda do espectáculo de narración oral e música para público familiar Arrieira, da man de Xarope Tulú, que propón unha viaxe a través do conto tradicional. A narradora relatará as historias de vida, seres míticos, lavandeiras e afiadores que unha arrieira atopou no seu percorrido, gardando na súa memoria todos os saberes e sentires.

Achegamento ao labor arqueolóxico

 En novembro haberá dous obradoiros. O primeiro deles, Desenterrando vitrinas, será o día 13, ás 11,30 horas, para rapazada de 8 a 13 anos. A través del, Verónica del Río Canedo achegaralles aos participantes o labor arqueolóxico, mediante a simulación dunha escavación e a explicación dos pasos que seguen as pezas desde que se extraen ata que chegan ás vitrinas do museo.

 O segundo será o día 27, á mesma hora, para nenos e nenas de 5 a 12 anos, co título Unha barca, un corvo, dúas viaxes. Mediante a elaboración de selos, Raquel López afondará na relación entre os lugares de peregrinación e os selos, así como nos vínculos existentes entre dous importantes centros de peregrinación tan distantes como son Santiago e Kumano, ambos presentes no museo. Nesta mesma xornada, ás 17.00 horas, desenvolverase Paseo con musa, unha visita teatralizada con Gloria Rico e Terrequeté Teatro, na que se poderán coñecer os fondos do museo dun xeito diferente.

 Xa en decembro, o día 11, haberá unha nova oportunidade de realizar os obradoiros desenvolvidos nos meses anteriores. As novas sesións de Desenterrando vitrinas e de Unha barca, un corvo, dúas viaxes serán ás 11,30 horas, e a de Escritura con instrumentos históricos, ás 17,00.

 O peche ao programa porao o sábado 18 ás 19,00 horas Trobairitz, co seu espectáculo para público familiar Cantando o Camiño. Nel divúlganse as cantigas medievais para redescubrir a lingua galega propia da orixe do Camiño de Santiago, vínculo entre pasado e presente. Esta viaxe musical en formato de concerto didáctico-interactivo ten como principais obxectivos a posta en valor do patrimonio cultural, amosar o papel da muller como trobadora en particular e creadora-transmisora de coñecemento, e ser unha alternativa lúdico-educativa en galego coa que transmitir coñecementos dun xeito próximo, ameno e participativo.

 Museo en familia comezou en 2018 co obxectivo de converter o espazo museístico nun punto de interacción social e de desfrute coa comunidade máis próxima. Todas as actividades gardan relación co Museo das Peregrinacións e de Santiago, tanto cos seus eixes temáticos coma cos seus fondos expostos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario