13 de out. de 2021

PONTEVEDRA

A Facultade Ágora debate este venres como a mellora do espazo público convirte vilas e cidades en "localidades atractivas" 

Participarán o urbanista estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luís García Delgado e o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas


Jeff Speck, urbanista e deseñador estadounidense
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O papel do espazo público e a súa influencia na vitalidade económica das cidades será o tema central do novo seminario da Facultade Ágora que se celebrará este venres baixo o título ‘Localidades atractivas'. Na xornada, á que están citadas máis de 200 persoas representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia de Pontevedra, participarán como integrantes do corpo docente persoeiros tan relevantes do ámbito internacional como o urbanista Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luís García Delgado ou o enxeñeiro pontevedrés Jesús Gómez Viñas.  

 Sobre a mesa poranse as teses de que as cidades cun espazo público de calidade son as preferidas por quen pode elixir onde vivir e de que a creación ou redeseño de espazos públicos xeran cidades creativas e atractivas, capaces de atraer poboación e recursos económicos. Ámbalas dúas ideas, defendidas polo modelo ‘Ágora' provincial, segundo afirma o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, pretenden animar aos concellos no redeseño urbano a pasar á acción aplicando a teoría e modificar a súa trama para priorizar as persoas en lugar dos coches.  

 O principal protagonista deste seminario será o urbanista e deseñador estadounidense Jeff Speck, quen avoga internacionalmente pola creación de cidades máis camiñables. Autor ou coautor de varios libros sobre planificación urbana, incluído o seu libro de 2012 ‘Walkable City: How Downtown Saves America, One Step at a Time', o máis vendido da última década sobre planificación urbana, está licenciado polo Williams College e ten unha mestría en Historia da Arte pola Universidade de Siracusa.  

 José Luis García Delgado é outro dos conferenciantes do vindeiro venres. Catedrático de Economía Aplicada desde 1975, foi durante dez anos reitor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e é presidente do Círculo Cívico de Opinión. Conta, entre outros, co Premio Nacional de Investigación ‘Pascual Madoz' na área de Dereito e Ciencias Económicas e Sociais.  

 Por último, intervirá Xesús Gómez Viñas, enxeñeiro xefe do Concello de Pontevedra, quen é un dos artífices da transformación da cidade a través da reinvención do seu modelo de espazo público e do seu modelo de mobilidade. Dirixe os procesos de cambio encamiñados a mellorar a calidade urbana do municipio do Lérez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario