17 de set. de 2021

OIA

O Concello de Oia organiza reunións veciñais para dar a coñecer o borrador do PXOM   

 

A imaxe corresponde a unha reunión de presentación aos membros da Corporación Municipal

Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia desenvolverá, durante a última semana de setembro e a primeira de outubro, unha rolda de xuntanzas para presentar á veciñanza o Documento Inicial Estratéxico e borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O obxectivo destas reunións é dar a coñecer o contido do documento elaborado polo equipo redactor e explicar as liñas xerais que recolle o documento.    

 Por outra banda, o vindeiro martes o equipo redactor reunirase con todos os grupos políticos que queiran asistir, a unha nova xuntanza, para definir cuestións que quedaran pendentes pola súa complexidade, para posteriormente trasladarlle a veciñanza o marco urbanístico e o contido deste documento inicial. Esta reunión dá continuidade ás xa levadas a cabo durante este último ano con todos os grupos políticos, onde todos puideron facer as súas aportacións.   

 A alcaldesa, Cristina Correa, destaca a importancia de que toda a Corporación siga a participar en todas as fases do documento, sendo construtivos como até o de agora.   

 As reunións desenvolveranse nas 6 parroquias do municipio en horario de tarde. As datas e horarios concretos serán publicados o martes da vindeira semana nos taboleiros de anuncios das distintas parroquias e na web do Concello. Por cuestións de aforo con motivo da COVID-19, as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente no Concello, chamando ao teléfono 986 362 125.

 A alcaldesa traslada que se trata dun borrador, e que o paso que corresponde agora é facer a Avaliación Ambiental Estratéxica. Posteriormente, cando se reciba o documento cos informes sectoriais correspondentes, é cando se adaptará o documento a ditos informes e se levaría a aprobación inicial. Sería nesta fase cando se abrirá prazo para presentar alegacións. De todas estas fases irase informando á veciñanza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario