17 de set. de 2021

O ROSAL

Para o Concello do Rosal a veciñanza conta  

Alcaldesa e equipo de Goberno comezarán a vindeira semana unha rolda de reunións nos barrios para dar conta dos proxectos en marcha e coñecer de primeira man as necesidades dos rosaleiros e rosaleiras   


 A alcaldesa e o concelleiro de Participación Cidadá do Rosal co cartel do programa A Veciñanza Conta
Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 Para o Concello do Rosal é fundamental fomentar e practicar a participación cidadá para construír entre todos e todas o futuro do municipio. Por este motivo, a vindeira semana comeza unha nova edición do programa ‘A Veciñanza Conta’, un proxecto que procura “escoitar cales son as cuestións e necesidades a priorizar na xestión dos recursos e darlle voz aos rosaleiros e rosaleiras para que sumen na mellora paulatina do noso pobo”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. 

 A partir da vindeira semana, rexedora e equipo de Goberno comezarán unha rolda de reunións polos barrios nas que darán conta dos proxectos postos en marcha ata o de agora e nas que se atenderán as propostas, inquedanzas e outras cuestións que a veciñanza queira trasladar directamente. O Concello volve así a buscar a participación directa cos veciños e veciñas tras o tempo de pandemia en reunións abertas ao público que se celebrarán a partir das 20.30 horas en distintos puntos do Rosal e con todas as medidas de seguridade e prevención necesarias. 




 Os primeiros encontros serán o mércores 23 de setembro  na escola unitaria de Pías e o xoves 24 na Escola de Novás. Xa a seguinte semana as reunións serán na escola unitaria de Pancenteo o luns 27, na escola unitaria de Fornelos o martes 28 e na Sociedade Recreativa de San Miguel o mércores 29. A rolda de contactos rematará a primeira semana de outubro con encontros na Praza/Escola do Maio de Tabagón o luns 4; no Centro Social das Eiras o martes 5; no ecoparque de Viso dos Eidos o mércores 6; e na Praza do Calán de San Xián o xoves 7. As reunións serán maioritariamente ao aire libre, sempre e cando o tempo o permita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario