As paisaxes do Camiño de Santiago, a golpe de vista no Salón de Exposicións do Rosal
O Concello acolle ata o 30 de setembro a mostra ‘Diálogos das micro e macro paisaxes do Camiño de Santiago por Galicia’
Foto: C.O. R.
Infogauda / O Rosal
Un paseo polas distintas paisaxes do Camiño de Santiago. Iso é do que poderá desfrutar o público que visite ata o vindeiro 30 de setembro o Salón de Exposición do Concello do Rosal, que estes días acolle a mostra ‘Diálogos das micro e macro paisaxes do Camiño de Santiago por Galicia’, unha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Cartografía (AGACES) cofinanciada polo Programa O Teu Xacobeo coa colaboración da Fundación Galicia Sustentable. A exposición estará aberta ao público de luns a venres de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas.
O proxecto, que chega ao Rosal na súa recta final, artéllase arredor de varias accións coas que se busca valorizar e dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da contorna de cinco dos Camiños de Santiago: a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués pola Costa e Muxía-Fisterra.
Esta exposición itinerante, que remata no Rosal tras pasar por varios concellos polos que discorren os itinerarios xacobeos (Arzúa, Negreira, Lalín e Pontedeume), compila o material gráfico recollido durante a primeira fase do proxecto, no que se editaron vídeos e fotografías a vista de dron para dar esa visión de macro paisaxes ao tempo que se prestou atención ás texturas mediante imaxes de detalle nas que os obxectos amósanse tan grandes que se aprecian cousas que non se poderían ver a simple vista.
O proxecto completouse cunha publicación que permitirá o diálogo entre a gran e a pequena escala, entre paisaxe e micro paisaxe, enriquecida con textos elaborados en exclusiva por autores e autoras noveles de Galicia. Todo o contido multimedia poderá consultarse ademais de xeito sinxelo, interactivo e intuitivo nunha páxina web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario