24 de set. de 2021

MOS

Grande éxito da demostración de cociñado de Eurochef en Mos  

Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias deron nova vida aos produtos do territorio nunha actividade ao aire libre no Pazo de Mos  


A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, achegáronse ata o pazo para dar a benvida aos chefs e ao público participante no evento.

Infogauda / Mos

 Novo éxito de Eurochef coas súas demostracións de cociñado para poñer en valor os produtos gastronómicos do territorio. Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias fixeron as delicias do público que se achegou ata o Pazo de Mos para desfrutar da arte culinaria destes dous cociñeiros e dos seus pratos únicos. Nesta ocasión prepararon pisto de verduras do Rosal con vieira, unha reinterpretación de aproveitamento de cocido de Lalín e unha tosta de pan do Porriño con canela, crema de varios queixos e marmelo con mirabel. Todo acompañado polo viño do Rosal da D.O. Rías Baixas. 


Os chefs Álex Iglesias e Iván Méndez fixeron as delicias do público que se achegou ata o Pazo de Mos

Pisto de verduras do Rosal con vieira







 A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, achegáronse ata o pazo para dar a benvida aos chefs e ao público participante no evento.  Dende Eurural e todos os grupos de desenvolvemento rural participantes no proxectos Eurochef agradécese a colaboración do Concello de Mos e do Pazo de Mos para levar adiante a demostración de cociñado.  

 Esta actividade forma parte da programación prevista polo Eurochef Project, un proxecto de cooperación transnacional Leader liderado por Eurural e no que participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Con esta iniciativa búscase fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.   

 O proxecto conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario