6 de set. de 2021

A GUARDA

A música de Bruce Grinn e The Mirror chegou a pasada fin de semana ao Música nos Xardíns 2021 

O vindeiro sábado día 18 de setembro ás 21:00h  os grupos The Charráns e Zalomon Grass serán os encargados de pechar esta edición de Música nos Xardíns.  


Bruce Grinn

Infogauda / A Guarda

 O pasado venres día 3 de setembro tivo lugar o segundo concerto da edición 2021 Música nos Xardíns. Bruce Grinn foi o encargado de iniciar este segundo concerto. 

 Bruce é un artista independente, de ascendencia guardesa por vía materna, que estivo afincado en Inglaterra onde se formou como músico tocando en bandas locais, e se estableceu en 2011 na nosa vila onde formou o grupo The Loopholes, moi ben acollido pola prensa musical galega. No 2017 decidiu embarcarse en solitario nun novo proxecto musical mais ambicioso, chegando o seu debut discográfico con “Fustian Fumes” (2018).  Son 8 temas de rock-alternativo e un son endurecido en relación aos seus traballos anteriores, o disco conta coa colaboración de varios músicos entre os que destaca Tania González Braga (The Mirror) nas voces, quen aporta solidez e calidez vocal.  

 En directo, Bruce, acompañado tan só dunha guitarra acústica e algo de percusión, nos ofreceu o seu lado mais íntimo entre a canción de autor propia do indie-folk e o rock dos anos noventa. 

 

The Mirror

 O grupo The Mirror, foi o encargado de pechar a velada, co seu repertorio de temas propios con influencias do rock, funk e o soul. Este grupo, formado no 2018 unificando as diferentes traxectorias dos seus compoñentes, xa estiveron no Mercado da Música celebrado nos Xardíns do Centro Cultural, así como en diferentes festivais da provincia (Solpor no Mosteiro, en Oia, ou Sons do Casco, en Baiona). 

Último concerto de Música nos Xardíns 2021 

Sábado 18 de setembro ás 21:00h – The Charráns + Zalomon Grass 

The Charráns (tamén coñecido como Los Charranes) é un grupo local de A Guarda, nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco “Punk furtivo” da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales, con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición. "Criáronnos dicindo que poderíamos ser ricos, ser famosos, cortar o bacallau e triunfar na vida, pero todo era mentira. Só uns poucos poden ser ricos e ao resto, tócanos sementar patacas, facer pan, ir ao mar ou construír esas casas que nunca teremos, ao resto tócanos ser Charráns". Esa é o resumo existencial desta banda.

 Zalomon Grass e o seu desbordante blues cósmico ven a sacarnos da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Se te gustan os tríos de poder dos vellos tempos, esta é a túa banda.  

 Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.  

Reserva de entradas na seguinte ligazón:  https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda 

Ningún comentario:

Publicar un comentario