2 de ago. de 2021

PONTEVEDRA

A visión de Renoir ou Sorolla da muller e dos seus novos roles no cambio do século XIX ao XX centrará a exposición que abrirá o xoves o Museo de Pontevedra 

A mostra, que incluirá tamén obras de Casas, Rusiñol ou Nonell, entre outros, exhibirase ata o 17 de outubro no edificio Castelao 




Infogauda / Pontevedra

‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' é o título da exposición que abrirá o xoves o Museo de Pontevedra co fin de amosar a representación do universo feminino, tanto nas súas formas máis tradicionais coma nos novos territorios que a muller comeza paulatinamente a conquistar, no cambio do século XIX ao XX. Artistas coma Renoir, Sorolla, Casas, Rusiñol ou Nonell, protagonizan esta mostra comisariada por Helena Alonso, que poderá visitarse no edificio Castelao ata o 17 de outubro.  

 A selección de obras  achegan ao espectador á rica e heteroxénea visión dun dos temas máis tratados polos artistas durante toda a modernidade, nun momento no que a sociedade experimenta unha serie de cambios en cuxa consecución a muller é parte fundamental. Por iso os diferentes eidos nos que ela é xa protagonista ou ben comeza a selo son plasmados de forma natural polos pintores e escultores ao redor de 1900.  

 Os óleos, gouaches, debuxos e esculturas en bronce e mármore que conforman o discurso expositivo forman parte na súa totalidade dunha das coleccións privadas máis relevantes de España, a da Fundación Fran  Daurel.  

 O relato desta mostra estrutúrase en torno a representación da muller en diferentes ámbitos, entre eles, en facetas de traballo asociado ao campo e ao mar, acompañada mesmo polas súas fillas e fillos, tan frecuente no naturalismo de finais do século XIX. A muller lectora é outro dos aspectos integrados na esfera intelectual, xunto coa práctica do deporte e o desexo por igualarse aos seus compañeiros na aprendizaxe e realización da pintura a plain  air (expresión francesa que en galego significa ao aire libre).  

 O ámbito privado doméstico contraponse á vontade de conquistar a cidade, onde a figura masculina perde relevancia. A iso súmase a pervivencia dos espidos, co Espido sobre o diván amarelo de Sorolla como peza destacada, ademais da diferente maneira de representar o retrato durante as décadas que anteceden e seguen ao cambio de século por algúns dos mellores  retratistas do momento, como son Francisco Masriera, Sorolla ou Ramón Casas, unido á destacada vontade de  Nonell por reflectir a parte máis desfavorecida da sociedade.  

 O final da Primeira Guerra Mundial marca un punto de inflexión na produción artística europea. Renoir, o pintor das mulleres por antonomasia neste período, sitúa o ideal de beleza feminino xunto á Arcadia soñada. Trátase dun mundo  idílico ao que a muller, segundo promulga o artista, soubo permanecer unida, achegando con iso novos valores. Un paraíso arcádico cuxos valores trata de promover tamén Torres García, outro dos artistas que integran esta mostra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario