30 de ago. de 2021

A GUARDA

Guadi Galego sorprendeu ao público no porto de A Guarda 

O pasado sábado a artista galega Guadi Galego realizou un concerto xunto ao grupo folk Na Revolta.  


Guadi Galego, no seu concerto no porto de A Guarda
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

  O pasado sábado día 28 de agosto a cantante Guadi Galego trouxo a súa música ata O Portiño Novo, de A Guarda nun concerto enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa.   

 A este respecto, desde o equipo de goberno municipal indicaron: “Esta idea xa vén de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin se logra facer.” 


Un momento da actuación do grupo de música folk Na Revolta, de A Guarda

 O concerto abriuse coa participación do grupo de música folk Na Revolta, que tocou algunhas pezas musicais antes do concerto de Guadi Galego.  

 Foi así como Na Revolta celebrou os seus 20 anos de traxectoria, tendo participado en numerosos concertos na comarca do Baixo Miño así coma no Festival Intercéltico de Loriente no ano 2006 ou coma predecesores do grupo Berrogüeto. 

 Na Revolta conta con 7 compoñentes, Diego Vicente na percusión; Mª Elena Baz na percusión; Ana Pereira no baixo; Miguel Rodríguez con guitarra e voz; Iván Gómez con gaitas; Xurxo Vicente con gaitas e percusión; e Silvia Castro coa frauta traveseira. 

 Na Revolta ten editado os discos “Al Punto” (2008) e “Dale al ON”  (2019).  


Guadi Galego e seu grupo, no concerto no Portiño Novo

 Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios.

 A realización deste concerto que se enmarcou dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, contou ademais coa colaboración da Comisión de Festas da Virxe do Carme e da Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda.  

 Tal e como manifestou o Concelleiro de Festas e festexos populares, Rafael Álvarez Martínez, “o porto de A Guarda foi este pasado sábado un recinto perfecto para gozar da boa música feita en Galicia, cunha artista recoñecida que tanto veciños como visitantes puideron coñecer e ser partícipes do seu bo facer e da súa xenerosidade, do seu respecto sobre temas en defensa da muller e nun concerto no que, a emotividade e complicidade entre a banda e o público, foi palpable en todo momento”. D

 Destacou ademais o rotundo éxito de participación, coas entradas esgotadas dende varios días previos ao concerto e o excelente ambiente na zona portuaria ao longo desta gran noite de verán. 

 Rafael Álvarez tamén agradeceu a Guadi Galego o ter participado no pasado mes de xullo nun concerto no que colaborou co Coro do Conservatorio Elemental de Música de A Guarda, así como permitir que o gupo Na Revolta puidese festexar o seu 20 aniversario compartindo escenario con ela e coa súa banda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario