Guadi Galego realizou unha colaboración co Coro do Conservatorio da Guarda
· Como antesala ao seu concerto do 28 de agosto
Infogauda / A Guarda
O Auditorio de San Bieito vibrou o pasado sábado co concerto do Coro do Conservatorio Municipal de Música de A Guarda e a colaboración especial de Guadi Galego. Esta colaboración xurde dentro da xira de presentación do seu último disco, “Costuras”, na que a cantante atópase inmersa e que terá a súa cita na nosa localidade o vindeiro 28 de agosto no Porto da Guarda. Esta idea xa vén de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin lógrase facer.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez Martínez, agradeceron a colaboración da artista cos nenos do Conservatorio da Guarda, facéndolle entrega neste concerto dun agasallo representativo da vila guardesa.
A proximidade e xenerosidade da cantante, que fora integrante de Berrogüeto, son de sobra coñecidas polos seus seguidores, así como a súa simpatía cara os mais cativos polo que cando se lle fixo a proposta de establecer unha colaboración cos futuros cantantes da nosa localidade non o dubidou nin un instante.
Aínda que a colaboración co noso coro centrouse en dous dos temas mais coñecidos da artista, sen dúbida serviron para deixar ao público e aos pequenos cantantes coa ansia de asistir ao concerto en directo do día 28 de agosto, no que teremos ocasión de coñecer o repertorio do seu último disco, sen esquecer os grandes éxitos que foron marcando a súa carreira en solitario.
GUADI GALEGO
Recordemos que Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios. En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario “Benzón” e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, “Lúas de outubro e agosto”, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, “O mundo está parado”. No 2019 estreou “Immersion”, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza “Costuras”, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario